Brasil aforrou 167,8 millóns de dólares en 2008 grazas ao software libre

O software libre é por natureza social: non lle chega coa máis mínima compaña, busca sempre a meirande porcentaxe de usuarios/as. Esta é unha das moitas razóns do bo intre de forma que vive arestora: quen usa e desenvolve programas abertos vai facer todo o posible para informar a quen non os emprega das súas vantaxes. Esta é a liña do Goberno de Brasil, un dos países que máis firmemente ten apostado pola implantación do software libre no administrativo e no cidadá e, en consecuencia, maiores esforzos ten realizado a prol de que se saiba. Segundo vén de informar o Servizo Federal de Procesos de Datos (Serpro), a Administración do país irmán acadou un aforro de 370 millóns de reais (uns 167,8 millóns de dólares) en 2008 grazas á súa aposta intensiva polo código aberto a todos os niveis dos emprazamentos oficiais: sistemas operativos, navegadores de Internet, programas de correo electrónico e outras ferramentas.

Por certo que este aforro, engade o Serpro para contribuír a facérmonos unha idea sobre a magnitude do acadado grazas ao código aberto, representa o dobre có investimento dirixido a dar apoio ao sistema de declaración do imposto da renda por Internet. Amais, equivale a un cuarto do orzamento destinado á operatividade do propio Serpro.

No que se refire a usos concretos desta cantidade de cartos retida (non gastada en virtude dun menor índice de pago de royalties por licenzas de propiedade de software), sinalar que entre outras cousas posibilitou a posta en marcha de 5.000 puntos de conexión á Rede en todos aqueles recantos de país onde as novas tecnoloxías aínda non se afianzaran. Segundo engade devandito servizo estatal, o vindeiro 15 de abril haberá novidades no proceso imparable de deseño, presentación e liberalización de novos programas abertos xurdidos ao abeiro da aposta institucional: a devandita data ficará accesible a plataforma para a desenvolvemento de ferramentas informáticas Demoiselle (chamada así na honra do piloto brasileiro Santos Dumont, quen en 1907 deixou aberta para toda a sociedade a patente do avión ao que deu corpo en Francia. Na imaxe, telecentro en São Paulo.

0 comentarios: