Entra en vigor a directiva europea de retención de datos de internet

Os operadores europeos de internet están obrigados dende este luns a reter os datos de correo electrónico, visitas a webs e chamadas telefónicas dos seus usuarios, segundo unha directiva da Unión Europea. A norma aprobouse no ano 2005, despois dos atentados que sufriran ese ano Londres e, en 2004, Madrid.

Empresas de telecomunicacións e grupos de usuarios xa amosaron a súa oposición á medida, contestada nalgúns estados europeos. A directiva require que os operadores garden os rexistros de internet durante un ano. Outra relativa a manter as gravacións telefónicas durante 12 meses xa estaba vixente. A información gardada non inclúe o contido de correos, webs nin o audio das chamadas, pero si información necesaria para determinar o contacto entre individuos. As autoridades poderán acceder a estes rexistros cunha orde.

A directiva estase a traspoñer á lexislación de cada un dos estados membros da UE. Entre os favorábeis están o Reino Unido ou o Estado Español, que inclúe esas obrigas na Lei Xeral de Telecomunicacións.

Porén, os fornecedores de servizos de internet da Unión Europea queixáronse do custo que lles vai supoñer conservar os rexistros. No caso británico, o goberno comprometeuse a compensar este gasto.

Suecia xa anunciou que ignorará a directiva, mentres que os tribunais alemáns están a estudar un recurso.

0 comentarios: