Case o 17% da poboación fixo compras por internet en 2008

Case unha de cada 10 persoas galegas fixo uso do comercio electrónico nos últimos tres meses, segundo a análise que publicou o Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI). Nos últimos tres anos, as compras por internet medraron no país un 125%, fronte ao aumento do 79,7% do conxunto do Estado.
Carriño

Estas cifras aumentan se se amplía o lapso temporal analizado. Así, unha de cada cinco persoas fixo compras en liña nalgunha ocasión, o que supuxo un aumento de máis de catro puntos porcentuais con respecto a 2007. No último ano, a porcentaxe de poboación que fixo uso deste sistema foi do 16,9%.

Os informes do OGSI correspondentes a 2008 confirman a evolución da sociedade galega cara á Sociedade da Información: cada vez máis persoas mercan a través de internet fronte ao comercio tradicional. Ademais, diminúe o descoñecemento sobre como comprar pola Rede.

Das persoas que nunca fixeron uso do comercio por internet, case o 80 por cento xustificaron a súa decisión por preferiren as canles de compra tradicionais ou a falta de necesidade de escoller esta nova vía.

Por outra banda, no último mes efectuáronse unha media de 3,3 compras a través da rede, fronte ás 2,3 de 2007. O gasto medio foi igual ou inferior a 100 euros no 47,4% nos casos, practicamente como no ano anterior. O perfil de persoa compradora por internet é home ocupado de entre 35 e 44 anos, con estudos secundarios, alto nivel de ingresos e nunha unidade familiar de ata catro persoas.

Na web do OGSI poden coñecer máis datos sobre este informe, así como información sobre a situación a nivel europeo.

0 comentarios: