O malware medrou un 200 por cen o pasado ano

Segundo indica o último informe de Symantec sobre Ameazas á Seguridade en Internet, durante o 2008 produciuse un incremento considerable no número de vulnerabilidades en software e ameazas en Internet, “resultado de que os atacantes teñan un maior nivel de organización e de que cada vez empreguen sitios web máis fiables e con moito máis tráfico para atacar aos usuarios”.

De feito, este informe que se elabora a partir de datos reais procedentes da súa rede global de intelixencia, mostra que máis do 60 por cento de todo o código malicioso detectado por Symantec foi descuberto en 2008, con 1,6 millóns de ameazas localizadas frente ás 624.257 de 2007.

O estudo indica, asemade, que Estados Unidos e China foron os países que máis actividade maliciosa tiveron a nivel mundial en 2008 e que España ocupa o sexto posto no mundo e o terceiro no ranking de EMEA.

Os troianos e os vermes foron as principais ameazas detectadas e extenderonse pola Rede coa finalidade de localizar información confidencial para logo vendela por diñeiro ou para acadar novas ferramentas coas que desenvolver outros códigos maliciosos.

En canto aos mecanismos de infección, o informe revela que o 66 por cento da propagación realizouse mediante arquivos compartidos executables, un dato que se incrementou en 22 puntos respecto a 2007, cando se situaba nun 44 por cento.

Nembargantes, Symantec alerta que o spam e o phising seguen incrementándose, tanto como un 192 por cento no caso do primeiro e un 66 por cento no caso do phising.
Neste senso, o noso é o oitavo país europeo emisor de spam, dúas posicións máis abaixo que en 2007, cando ocupaba o sexto posto.

0 comentarios: