Comeza en Compostela un obradoiro de localización de software ao galego

Arranca na Universidade de Santiago de Compostela o Fiadeiro de Localización, un obradoiro organizado pola Oficina de Software Libre da universidade, o seu Servizo de Normalización Lingüística e a Comisión de Normalización da ETSE co apoio de Mancomún.

O Centro de Referencia e Servizos de Software libre achegará a súa experiencia no eido da localización de software, así como fornecendo toda a documentación que, sobre esta materia, ten xerado no transcurso destes anos, tales como o Manual de Localización ou o glosario de termos.

O obradoiro pretende promover a participación da comunidade universitaria no proceso de normalización lingüística e de progresiva adopción do software libre na USC. A elevada demanda de prazas obrigou a que a organización ampliase até 50 persoas a asistencia ao curso, que aínda así quedou completo.

Serán tres xornadas, o 30 de abril e o 7 e 9 de maio. Nas dúas primeiras, introducirase os asistentes nos distintos aspectos de tradución do software libre ao galego e as metodoloxías e estándares empregados.

O día 9 terá lugar unha sesión práctica, na que se marcará como obxectivo a tradución íntegra da plataforma de desenvolvemento Netbeans co programa de CAT Omega-T.

Máis información sobre estas xornadas na web de Mancomún.

0 comentarios: