Stallman defendeu en Vigo o valor do software libre como coñecemento á medida do home

Richard Stallman visitou por segunda vez o Auditorio do Centro Social Caixanova para facer unha vez máis de mediador entre nós os usuarios e o xeito de entender a informática que ao seu xuízo máis nos convén: o xeito aberto. A visita do relator a Vigo, que foi en boa medida unha incursión en terreo amigo (tendo en conta que a súa intervención inseriuse dentro das actividades do Máster do Software Libre de Caixanova, e que practicamente a totalidade do auditorio era afín ao código aberto), tivo pouco de técnica e moito de contido ético e social, sendo en boa parte un encontro para iniciar aos non introducidos no software libre nas moitas vantaxes que este ofrece, malia que unha gran porcentaxe dos convocados xa estaban previamente introducida.

Con todo, e tal e como relatan nas súas crónicas os diversos internautas que por alí pasaron (Bandaancha, Agnix, etc) a reunión tivo moito de reforzamento dos obxectivos previamente asumidos polo propio auditorio: levar o software libre tan lonxe como se poida, botando abaixo posibles ideas preconcibidas e erróneas e contribuíndo a que as vantaxes que achega fiquen sempre claras: menor gasto en licenzas, máis opcións para desenvolver unha industria propia, maior marxe de adaptabilidade, etc.

Para Stallman, quen falou perante unha máis que completa audiencia ( Roberto Brenlla, que vén de pendurar un vídeo das despedidas, a cousa andou a rentes do aforo completo, de 500 persoas), cando falamos de software libre non só falamos dunha tendencia da informática, senón que o facemos de algo que nos trata con respecto, a nós e a un dos nosos bens máis prezados, a liberdade. O relator, que a fin de contas tivo tempo de sobra para saber do que fala (na defensa da programación aberta deu 25 anos da súa vida), entende polo tanto que a cuestión do código aberto é tan importante hoxe coma calquera outra cuestión social, ética, política, filosófica ou económica da que se fale nos medios, se cabe aínda máis, por abranguer todos estes eidos e, tamén, a posibilidade de que a balanza da cultura caia do favor de todos os que até o de agora non puideron percibila. A intervención en Vigo do pasado xoves tamén lle serviu a Stallman (quen se expresou en perfecto castelán) para defender o GNU e o libre intercambio de arquivos na Rede (que non é piratería nin roubo nin nada que se pareza, posto que contribúe ao enriquecemento cultural da comunidade).

Asemade, botou dardos contra as patentes de software ou todo aquilo que se interpón entre o usuario das novas tecnoloxías e o acceso libre ao coñecemento que ten ao seu alcance (canon dixital, DRM, etc).

0 comentarios: