Máis dunha ducia de concellos compartirán sistema de administración electrónica

Os concellos da área metropolitana de Vigo, máis Ferrol, Sanxenxo e Marín implantaron o sistema Cividas, desenvolvido pola empresa Imatia, nacida da Universidade de Vigo. Tamén fan uso deste sistema a Deputación de Pontevedra e a Junta de Castela e León.
Administración electrónica

A lei obriga a que en 2010 desapareza o papel dos concellos e a implantar definitivamente a administración electrónica local. Imatia encargouse de que 15 concellos galegos estean preparados, mediante o sistema Cividas.

Segundo informa o Faro de Vigo, o servizo permitirá, ademais de que a cidadanía consulte os expedientes e achegue documentación dende o seu fogar a calquera hora, que se axilice a xestión interna e se aforren custos económicos e ambientais, por reducir o uso de papel.

O software fará posíbel que o funcionariado comprobe en tempo real a fase en que se encontra cada proceso e transmitirllo ao veciño ou veciña. Ademais, segundo declarou o director xeral de Imatia e profesor da Universidade de Vigo Fernando Vázquez "hai estudos que demostran que canto máis se informativa a Administración, máis se reduce a corrupción".

O sistema tivo como xermolo un proxecto implantado en 2005 no concello vigués. Segundo explicou Vázquez, "as facturas pasáronse de cobrar en seis meses ou nun ano a 60 días". A Comisión Europea e a Lei de Acceso Electrónico de 2007 espertaron o interese dos concellos, o que propiciou a saída ao mercado de Cividas.

A pesar de que o seu manexo é sinxelo, será preciso poñer en marcha cursos de formación do funcionariado, aínda que a resposta está a ser positiva. Pero o verdadeiro reto será que os concellos lle transmitan as novidades e as vantaxes do sistema á cidadanía.

0 comentarios: