O Concello de Ferrol aposta forte pola informatización dos seus servizos


O Rexistro Civil de Ferrol vai vento en popa e a toda vela; se hai uns días nos sorprendía coa iniciativa de colgar na web municipal un calendario coas datas dispoñibles para a organización de vodas civís, de xeito que as parellas poderían saber os días e as horas das que dispoñían para casar, agora vén de anunciar que os seus veciños e veciñas xa non precisarán acudir ao Rexistro Civil da cidade para solicitar un certificado de nacemento, falecemento, matrimonio ou calquera outro dos que se expide na devandita oficina pública, pois ao estar xa informatizada, poderán facelo a través da web do Ministerio de Xustiza, ao igual que o resto de Rexistros galegos que xa dispoñían deste servizo en liña.

Asemade, a devandita oficina facilita os trámites de solicitudes dos veciños e veciñas da zona permitíndolles aos mesmos enviar as súas peticións a través do correo electrónico habilitado para tal función: registrocivil.ferrol@justicia.es.
Unha vez recibidos os documentos solicitados, os operarios encargados de facelo envíanllos por correo postal e en papel a cadanseu solicitante, sen custe algún para el ou ela.

Este paso supón un novo chanzo no proceso de informatización e modernización da oficina rexistral, a máis empregada a diario polos cidadáns nos xulgados, e prevese que sexa tamén imprantado nos demais rexistros civís da comarca, dependentes dos xulgados de paz en cada municipio.

Xa hai cousa de un ano que o Rexistro Civil de Ferrol realiza todas as súas inscricións en base informática e ten dixitalizados ducias de libros rexistrais (de 1950 en diante), porén os funcionarios poden extraer tamén con medios informáticos calquera certificación que lles soliciten os veciños de maneira rápida e cómoda, evitando as obsoletas fotocopias.

Pese aos seus avances no proceso de dixitalización de documentos, este Rexistro Civil (ao igual que moitos outros en Galicia e España) aínda ten moitos libros rexistrais en papel polo que entre as súas prioridades atópase agora o de “acadar a súa plena dixitalización e informatización en Rede”.

0 comentarios: