Melide celebra a súa I Semana do Software Libre


A vila de Melide celebra estes días a súa I Semana do Software Libre, comezando este luns cunha charla no Instituto de Ensino Secundario local para que os mozos de 4º da ESO e 2º de Bacharelato puidesen coñecer mellor o mundo do Software Libre e o sistema operativo Galinux (do que se lles regalou unha copia), continuando na xornada de mañá cunha presentación aos membros da Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) ás 20:30 horas, aos que se lles darán a coñecer aplicacións de Software Libre para a oficina e, especialmente, solucións de facturación e contabilidade, centrándose no ERP Abanq (antes coñecido coma Facturalux) grazas á colaboración de José Limeres (da arousá BoroTelecom) coa organización do evento, a nova Asociación de Usuarios de Software Libre de Melide (MeLISA) que terá na fin de semana a súa posta de longo, xa que contará cun expositor na V Foliada de Melide.

Durante esta celebración, a Asociación presentará a súa nova páxina web e tamén presentará Galinux, completando as súas actividades cunha zona de xogos infantís, a demostración do simulador Flightgear, talleres GNU/Linux… permitindo que os visitantes poidan achegarse a este mundo.

0 comentarios: