A SITE de Lugo inaugura mañá o seu Proxecto EmprendeTIC 2009


A Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial (SITE), dentro do seu Proxecto EmprendeTIC 2009, deseñou sete xornadas demostrativas de temática variada co firme obxectivo de achegar aos emprendedores/as e novos empresarios/as as tecnoloxías da información e comunicación dispoñibles neste momento no mercado.

Á hora de confeccionar o programa pretendeuse dar unha orientación eminentemente práctica ás xornadas, tanto no que se refire aos contidos elixidos, coma aos relatores designados para impartilos. Aos temas máis usuais de constante demanda polos empresarios como a mercadotecnia tecnolóxica, a xestión documental e o comercio electrónico, quixéronse engadir outros que se consideran de grande interese pola súa repercusión social, como a que versará sobre "NTIC e discapacidade", a que se centrará nas NTIC no medio rural e a que estudará as denominadas web 2.0.

Dentro das accións puramente formativas, a Fundación CEL-Iniciativas por Lugo desenvolverá seis obradoiros titorizados, cos que de forma individualizada, ou en pequenos grupos homoxéneos, os usuarios poderán, en espazos curtos de tempo axeitados ás súas xornadas, solucionar dúbidas sobre o manexo do hardware e software, as oficinas en rede, as copias de seguridade e o manexo e aproveitamento do xestor de correo, así como asesorarse noutras materias relacionadas coas TIC que supoñan unha mellora de proceso nas súas empresas.

Todos os obradoiros levaranse a cabo ininterrompidamente do 15 de maio ao 15 de novembro de 2009 (con axenda concertada), deixando o mes de agosto de descanso.

0 comentarios: