A UNESCO presenta a Biblioteca Dixital Mundial


A UNESCO puxo en marcha este martes a Biblioteca Dixital Mundial, unha iniciativa que pretende facilitar o acceso de balde, a través da internet, a fondos de grandes bibliotecas do mundo en diversos idiomas.
Biblioteca Dixital Mundial

A iniciativa arranca con algo máis de mil obxectos e prevé ir aumentando progresivamente os seus contidos. O interface da Biblioteca está en inglés, francés, portugués, castelán, ruso, chinés e árabe, aínda que pode conter documentos en, virtualmente, calquera lingua do mundo.

Caligrafía chinesa, árabe ou persa, imaxes de América Latina ou mapas antigos de Europa figuran entre os seus contidos, abertos ás conexións de internet de calquera persoa do planeta. O proxecto é multimedia. Así, non se limita a textos, senón que tamén dispón de imaxes, filmes ou sons procedentes de bibliotecas nacionais de varias ducias de estados. A intención da UNESCO é contar con achegas de 60 países a finais de 2009.

Os obxectivos da Biblioteca son promover a comprensión intercultural e internacional, expandir o volume e a variedade de contido cultural na internet, fornecer recursos para a educación, a investigación e o público en xeral e desenvolver capacidades en institucións asociadas para reducir a fenda dixital tanto entre países como dentro deles.

0 comentarios: