Google incrementa as súas opcións de busca

Google presentou durante o vento Searchology unha serie de novas ferramentas para o seu servizo de busca web, entre as que destaca a posibilidade de despregar á esquerda dos resultados de busca unha serie de opcións que permiten limitar os resultados segundo o tipo de contido (imaxes, vídeos, comentarios en foros, análises de produtos…) ou a súa data de publicación, podendo tamén elixirse entre novos modos de presentación: buscas relacionadas (que suxire novas consultas), Timeline (que sitúa os resultados no tempo) e unha orixinal Wonder Wheel, que distribúe buscas relacionadas en nodos (presentados graficamente) polos que podemos navegar para chegar a distinta información publicada na web dun xeito bastante curioso.

Google tamén incorpora aos resultados de busca elementos que chama snippets e que permiten dar información de utilidade como amosar valoracións dos clientes de restaurantes ou o seu rango de prezos (algo que polo momento só está visible para uns poucos establecementos, coma o Drooing Dog Bar B Q, do que podemos ver que ten puntuacións positivas en Yelp.com sen ter que visitar tal web). Esta nova funcionalidade medrará segundo os responsables de certas páxinas web vaian adaptando certos estándares e microformatos que permitan a Google achegar a súa información para tela en conta nos resultados de busca (e que Google pretende aproveitar para mellorar as buscas de críticas, perfís persoais, negocios e produtos).

0 comentarios: