Convocado dende a nosa terra un encontro virtual de artistas 2.0


O proxecto cultural 12 Lúas segue adiante na súa teima de afondar nas posibilidades dunha estrada de dobre vía: aquela na que circulan as novas expresións artísticas e as tecnoloxías da información. Nesta liña é precisamente onde se insire un dos proxectos estrela do seu segundo ano de actividade: a primeira edición do Evento Internacional de Arte, Redes Sociais e Web 2.0. O encontro, que como o seu propio nome indica sae á procura do sitio onde a creatividade a título persoal se converte en participativa, non se pecha a unha única disciplina nin a un número limitado de artistas e/ou internautas: a idea é abranguelo todo. Trátase polo tanto dun “gran evento da web 2.0” que se abre como tal á comunidade e que só esixe unha serie de requisitos imprescindibles: ter un blog (unha das ferramentas por excelencia desta nova orde da Rede) como unha xanela para amosar os traballos, estar presente nalgunha rede social (Facebook, Tuenti, hi5, etc) co mesmo obxectivo ou ter empregado ferramentas como YouTube se a achega é audiovisual ou como Flickr no caso da expresión plástica, gráfica ou fotográfica.

Amais, hai un cuarto requisito fundamental que lle achega aínda máis coherencia a esta proposta de cultura con altofalantes 2.0: todos os traballos deberán estar rexidos por licenzas Creative Commons, o que significa que ficarán dispoñibles para seren usados por segundos ou terceiros sempre e cando se recoñeza a autoría orixinal.
Segundo informa a organización, unha vez cumpridos os requirimentos cómpre enviar á conta de correo 12luas@gmail.com as ligazóns correspondentes para a comprobación.

Logo, procederase a enviarlle un correo electrónico ao artista co logotipo do evento para que o pendure nas respectivas plataformas e incluirase no caderno de 12 Lúas. “Aquel que teña máis comentarios feitos por usuarios únicos será publicado en todas as nosas redes xunto coa súa obra”, informan os responsables do certame. Por certo que a data límite para participar é o 4 de outubro de 2009.

0 comentarios: