Novas tecnoloxías, discapacidade e empresa, a debate en Lugo

As Tecnoloxías da Información e a Comunicación desempeñan, a día de hoxe, un papel fundamental no proceso de integración laboral de calquera persoa; case sen excepcións, nos tempos que corren, o que máis e o que menos debe demostrar coñecementos mínimos e formación en novas tecnoloxías para acceder a un posto de traballo calquera e isto agrávase cando as persoas demandantes de emprego sofren algún tipo de discapacidade, pois as esixencias, tanto na empresa ordinaria como a través da fórmula do autoemprego, son as mesmas, mentres que a posibilidade de acceso ás TIC (debido moitas veces aos propios servidores) dificúltanse por mor da falta de funcionalidade das webs e das ferramentas tecnolóxicas ofertadas.

É por isto que a Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE) quixo incluir no programa do Proxecto ETIC, a xornada Novas tecnoloxías e discapacidade, que organiza en colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).

A devandita xornada estruturarase en dúas partes. Por unha banda, haberá catro relatorios nos que se falará das axudas ás empresas en materia de accesibilidade e se exporán varios casos de acceso ao mercado de traballo de persoas con discapacidade; ao seu fin terá lugar o sorteo entre os asistentes dun netbook Toshiba con software adaptado.
Por outra banda, ao longo da mañá realizaranse noutra sala, nunha xornada de portas abertas, demostracións do funcionamento de equipos informáticos adaptados na súa totalidade e mais de equipos con hardware ordinario e software adaptado.
O acto terá lugar mañá xoves día 25 na Facultade de Humanidades do campus de Lugo das 9:30 ás 14:00 horas, e nel participarán, entre outras personalidades, o alcalde de Lugo, José López Orozco, a deputada provincial Regina Polín Rodríguez e o representante da Obra Social de Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez Rodríguez.

0 comentarios: