Este martes sae o novo Firefox


A versión 3.5 do navegador de Mozilla promete ser máis rápida e incorpora funcións como a reprodución de vídeo sen engadidos.

Se non hai máis atrasos, este martes 30 de xuño a Fundación Mozilla publica a versión 3.5 do seu coñecido navegador de código aberto Firefox. Deste xeito, conta con cubrir a promesa de que se podería descargar a nova versión definitiva antes de rematar o mes, despois de varias versións de proba.

O novo Firefox poderase descargar tamén en galego. Entre as principais novidades deste navegador están a maior velocidade (nalgúns casos moi notábel), tanto de representación gráfica como de execución de código javascript, e maior estabilidade. Tamén incorpora soporte para os principais elementos de HTML5 que permite, por exemplo, ver vídeo sen necesidade de engadidos.

O navegador de Mozilla segue a captar cada vez máis usuarios, cunha cota de mercado de entre o 20 e o 25% fronte ao Internet Explorer de Microsoft, que está entre o 65 e o 70% do uso na rede. Na web oficial de Firefox hai máis información sobre as novidades que traerá o novo navegador.

0 comentarios: