O blogueiro Nacho Mirás inicia unha serie de cursos de iniciación ás TIC na Rede de Telecentros

A Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia, dentro da campaña Comunicarte da Secretaría Xeral de Medios, vai poñer en marcha 12 titoriais interactivos para facilitar o uso e o coñecemento das novas tecnoloxías no ámbito da comunicación. O primeiro deles, sobre como subir un vídeo ou unha fotografía a internet, preséntase este martes, 30 de xuño, no Centro Multimedia de Galicia e estará accesible en seis Telecentros de Galicia.

Dende Compostela, a partir das 17 horas, o xornalista e blogueiro Nacho Mirás encargarase de introducir e de presentar o primeiro dos titoriais aproveitando para facer un percorrido pola situación actual da blogosfera galega. No acto estará acompañado do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.

A xornada poderase seguir por videoconferencia nos Telecentros de Comunicación de Oroso, Catoira, Abegondo, Lugo, Verín e O Barco de Valdeorras, onde se poderá traballar co titorial, accesible a partir do martes nos distintos telecentros para o seu uso.

Os titoriais, desenvolvidos coa tecnoloxía Flash, están pensados para un público con escasos coñecementos informáticos e tratarán sobre temas relacionados co mundo das TIC e cos distintos servizos e oportunidades que internet ofrece na actividade diaria: o acceso á banca electrónica, a tele-administración, a formación on-line, as redes sociais...

A campaña Comunícate pretende que os Telecentros de Comunicación se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía e que se constitúan como puntos de referencia no acceso ás novas tecnoloxías no ámbito da comunicación.

0 comentarios: