A Fundación Félix Rodríguez de la Fuente lanza unha web interactiva sobre consumo responsable


A Fundación Félix Rodríguez de la Fuente (FFRF) quere facerlle honra ao seu nome (o padriño naturalista de milleiros de nenos, hoxe xa non tan nenos) nestes tempos tan necesitados de líderes que procuren alternativas ao suicidio medioambiental, e está a facelo pola vía dunha plataforma que chega a todas e todos: a Rede. Máis polo miúdo, e segundo deu a coñecer hoxe mesmo a propia Fundación en Madrid, a iniciativa colle corpo a través da Axenda Viva Dixital, a primeira guía interactiva que promove o lecer e o consumo responsable. A proposta, que vai orientada ao cidadán de a pé, foi presentada en todos os seus detalles pola presidenta da Fundación, Marcelle Parmentier e a súa directora xeral, Odile Rodríguez de la Fuente. Segundo explicaron, a Axenda Vida Dixital asume plenamente o legado do naturalista e aplícao aos tempos que corren.

O portal, como dixemos, vai encamiñado a facerlle ver ao consumidor que tipo de elección pode facer cando consume, para que o faga con conciencia e que deste xeito “cada unha desas decisións individuais poida exercer un cambio positivo no medio ambiente”.

Tirando proveito desta mestura entre este espírito de loita a prol da natureza de antes do xurdimento da Rede e a tecnoloxía 2.0 (a participativa) que vén logo da Internet, o portal ofrece unha serie de servizos para que a achega dos visitantes non fique en simple lectura: permítelles interactuar, de maneira que non só reciben datos, senón que poden transmitir as súas impresións e propostas sobre hábitos de consumo responsables vinculados ao lecer, ás compras, a alimentación, ao coidado persoal ou aos nenos.

O espazo en liña toma como modelo a revista trimestral da Fundación, Axenda Vida, publicada en papel dende 2005. Entre outros contidos, incorpora artigos de divulgación científica, arte, cultura, personaxes e experiencias, lugares, rutas, libros, revistas e páxinas web.

Durante o transcurso da presentación, Parmentier lembroulles aos presentes a contribución de Rodríguez de la Fuente ao movemento ecolóxico e sostible de hoxe: “Félix quería crear unha nova conciencia, non antropocéntrica (home centro do universo), senón biocéntrica (home como parte dun conxunto de seres vivos). Se tivera vivido 25 anos máis, teríase atopado con Internet e tería ocasión de empregala, non como un instrumento pasivo como é a televisión, senón como un instrumento interactivo”.

0 comentarios: