O Barco de Valdeorras e Tenerife, conectados por videoconferencia

A Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC) fixo posible que a gran maioría dos alumnos de 1º e 2º de ESO do CEIP Julio Guirriarán do Barco de Valdeorras, visitaran por primeira vez o parque temático de Tenerife, o Loro Parque, mais iso sí, de xeito virtual, a través de videoconferencia.

A experiencia tivo lugar hoxe ás 11:00 horas no Telecentro de Comunicación (TC) do Barco de Valdeorras, ubicado no segundo andar da Casa do Concello, e posibilitou que, por primeira vez, os nenos deste colexio traballaran de xeito virtual e interactivo cos responsables dun dos zoolóxicos con máis sona de España, os cales lles amosaron algún dos animais cos que contan no recinto así como a súa área estrela: o acuario.

O Loro Parque de Tenerife alberga a colección de loros máis importante do mundo que supera as 300 especies, un extraordinario espectáculo de leóns mariños, así como de delfíns e loros, un acuario con Túnel de Tiburóns, gorilas, chimpancés, tigres, caimáns, tartarugas, a Casa de Orquídeas, o cine ’’NaturaVision’’ e o maior pingüinario do mundo con reprodución do clima Antártico no que caen 12 toneladas de neve por día.

Unha vez máis, a Rede de Telecentros de Comunicación (RTC), a través do seu proxecto Comunícate, fixo desaparecer por un intre as distancias que hai entre Galicia e Tenerife, a través da videoconferencia, unha das grandes ferramentas que ofrecen estas aulas de uso público. A través da campaña Comunícate, os responsables da Rede de Telecentros de Comunicación buscan que estas ferramentas se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía e que se constitúan en focos dinamizadores de acceso ás novas tecnoloxías, co fin de crear unha comunidade virtual que fomente a autoxeración de actividades por parte dos usuarios.

0 comentarios: