O que Internet pode facer por nós, ao descuberto en Moaña


A Rede de Dinamización, en colaboración co concello de Moaña, vén de realizar, a pasada semana, un relatorio sobre os usos e vantaxes que a Rede lle pode aportar a tódolos seus usuarios e usuarias, en concreto aos veciños e veciñas do lugar, que comprobaron de primeira man, o doado que pode chegar a ser facer a compra por Internet.

O relatorio, O que Internet pode facer por ti: A cesta da compra, tivo lugar no Centro de Dinamización da vila pontevedresa, sito na rúa Donato Bernárdez Sotelo, nº 6, e a el asistiron con entusiamo as persoas que de cote acoden ao devandito centro para formarse no uso das TIC e de Internet, para aplicalas logo á súa vida cotiá.

Os e as asistentes tiveron ocasión, entre outras cousas, de percorrer de maneira virtual as diferentes seccións de un supermercado e encher o carriño da compra con todo tipo de artigos, tales como alimentos frescos e conxelados, perfumes, deterxentes, bebida... e, en xeral, todo o que podían atopar nunha tenda calquera de Moaña, mais coa vantaxe de non ter que moverse do seu fogar, ou como sucedeu neste caso, do centro no que levaron a cabo a experiencia virtual.

As persoas que tiveron o privilexio de asistir a esta iniciativa pioneira no lugar, sabedores de que dispoñen na Rede dun cómodo e completo catálogo de produtos para comparar e mercar sen ter que moverse do sillón se así o desexan, de seguro han volver repetir a operación, mais desta volta, completando o proceso e realizando a compra comodamente dende as súas casas.

Esta iniciativa, ao igual que o resto das que leva a cabo a Rede de Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información) por toda Galicia, é unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento das políticas de inclusión na S.I. e o desenvolvemento rural. A Rede de Dinamización da Sociedade da Información axuda a levar a cabo actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

A Rede, que conta na actualidade con 51 dinamizadores e dinamizadoras, espallados pola xeografía galega en diferentes entidades, desenvolve charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e outros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas…

0 comentarios: