O portal divulgacion360.org aglutinará a ciencia e a tecnoloxía galegas


A Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria puxo en marcha unha nova web que servirá para divulgar a ciencia que se fai en Galicia. O portal divulgacion360.org aspira a se converter nun punto de encontro da divulgación e a comunicación da ciencia, da tecnoloxía e da innovación no país.

Coa iniciativa, I+D+i quere atender as demandas das persoas e entidades que veñen traballando no ámbito da divulgación en Galicia nos últimos anos. Divulgacion360.org quere crear unha estrutura estable para a difusión e o potenciamento da divulgación da ciencia e a I+D+i en Galicia; aglutinar, unificar e coordinar nun único espazo toda a oferta de actividades de divulgación; ofrecer ao público interesado un único espazo no que informarse das actividades e recursos para a divulgación científica; ofrecer ás entidades organizadoras un espazo no que intercambiar ideas, experiencias, recursos, etc. e difundir e potenciar as actividades de divulgación que cada ano se realizan na Comunidade.

O nome da web vén dado polo feito de que a súa vocación é a de fomentar a participación colectiva e abranguer os 360 graos da comunicación e divulgación da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. No portal poderá participar calquera persoa ou entidade relacionada coa divulgación en calquera das súas vertentes: asistindo ás actividades, organizando accións, colaborando na divulgación, asesorando no deseño... A finalidade é darlle máis coherencia ás actividades que se realicen.

A web tamén lle dedica un espazo ás citas que se conmemoran no ano 2009: o Ano Darwin, o Ano Europeo da Creatividade e a Innovación, o Ano Internacional da Astronomía e a Semana da Ciencia. As demais actividades de divulgación que se celebran en Galicia teñen un apartado específico: Máis divulgación. Dentro de cada unha destas cinco seccións os visitantes atoparán novas, avisos, ligazóns, recursos e actividades de interese ás que asistir.

Esta iniciativa enmárcase dentro das actividades do Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i 2006-2010, cuxo obxectivo é fomentar unha cultura do coñecemento da ciencia e a tecnoloxía que posibilite que o conxunto da sociedade teña unha mellor percepción das actividades de I+D+i e dos resultados que delas se derivan, e está apoiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación.

0 comentarios: