O proxecto Aporta publica a súa guía de reutilización da información do sector público

O proxecto Aporta de reutilización da información do sector público, enmarcado dentro do Plan Avanza 2 do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio acaba de publicar a súa guía oficial. O documento pódese descargar dende a web en formato PDF.

O arquivo ofrécese en dúas versións, de 3 e de 11 megabytes de peso, e pódese acceder a el de balde, introducindo uns datos persoais. Nel infórmase sobre a natureza da reutilización da información do sector público, cales son os seus axentes, que información se pode reutilizar e para que e como empregala.

Así mesmo, a guía Aporta inclúe un anexo con recomendacións sobre protección de datos. Tamén fai referencia á posibilidade de aproveitar a información xerada polo sector público obtendo, a cambio, contraprestacións económicas.

Tamén a administración galega dispón dun proxecto cos mesmos obxectivos, Reutiliz@, de reutilización da información do sector público de Galicia e que dispón, así mesmo, dunha guía que se pode descargar ou consultar en liña.

0 comentarios: