A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica asume as competencias de Sociedade da Información


A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica asumirá as competencias correspondentes á Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información e ao Servizo de Desenvolvemento da Sociedade da Información en canto a infraestruturas e promoción das novas tecnoloxías no ámbito da cidadanía e das administracións públicas, mentres que as devanditas competencias de promoción no ámbito empresarial seguirán correspondendo á Consellería de Economía e Industria.

A Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información e o Coñecemento, que estaba adscrita á Consellería de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, quedará igualmente adscrita á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

O DOG do martes 9 de xuño publica unha orde do día 2 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que determina a adscrición dos órganos dependentes da antiga Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información. Estas competencias quedarán repartidas entre o Instituto Galego de Promoción Económica, da Consellería de Economía e Industria, e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

0 comentarios: