Listarobinson.es permite inscribirnos para non recibir publicidade non desexada


A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) presentou un servizo de Lista Robinson por Internet desenvolvido pola Federación de Comercio Electrónico e Marketing Directo (FECEMD) que permite aos consumidores inscribirse para non recibir comunicacións comerciais non desexadas por correo postal, correo electrónico, teléfono fixo e móbil (incluso por SMS).

Esta listaxe pretende converterse nun ficheiro de referencia e apóiase no regulamento aprobado en decembro de 2007 que obriga ás empresas, institucións e organizacións a consultar os ficheiros de exclusión antes de lanzar unha campaña publicitaria que utilicen datos persoais que figuren en fontes públicas (coma directorios telefónicos ou censos). O servizo será de balde para os consumidores, mentres que as empresas que desexen consultalo deberán pagar entre 150 e 550 euros.

Hai que destacar que a efectividade do ficheiro non se percibirá ata 3 meses despois da inscrición (xa que as compañías non consultan as listaxes de exclusión en tempo real), e non suporá unha blindaxe absoluta fronte á publicidade que recibimos hoxe en día (especialmente a través da Internet, onde non hai fronteiras) e incluso existe o temor de que os datos do servizo rematen empregándose de xeito perverso.

0 comentarios: