A revista 'Obradoiro de Artesanía' salta á rede


Presentouse o terceiro número da revista Obradoiro de Artesanía que, dende este momento, conta tamén coa súa versión electrónica na web obradoirodeartesania.com. A directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, deu a coñecer esta publicación, que edita semestralmente a Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño como un "escaparate da heteroxeneidade da artesanía en Galicia, así como unha ferramenta de comunicación, de cohesión, desenvolvemento e de promoción do propio sector artesán".
Presentación da web

O feito de contar cunha páxina web supón unha "forte aposta" por parte da Consellería de Economía e Industria. O novo sitio permitirá un acceso masivo a todos os contidos da revista, tanto na súa versión en galego como na versión en inglés. Outra das novidades é que, a partir do terceiro número da publicación, distribuirase, ademais de entre artesáns, en 118 tendas adheridas á marca Artesanía de Galicia, centros públicos de ensino relacionados, museos e galerías de arte de Galicia e centros de artesanía do resto de España.

Segundo indicou Nava Castro, "a nosa intención é abrir a artesanía cara á sociedade e cara ao exterior e, ao mesmo tempo, ampliar a presenza do noso sector nos mercados". Ao mesmo tempo, permítelles ás propias persoas que se dedican á artesanía coñecer o traballo que se está a realizar en Galicia, ofrecerlles un espazo de exhibición da artesanía e darlles a posibilidade de coñecer as relacións entre a artesanía e outros ámbitos artísticos que forman parte dos contidos de Obradoiro de Artesanía.

0 comentarios: