Google Fast Flip permite botar olladas rápidas á prensa en liña


Dende os laboratorios de Google están a experimentar fórmulas para achegar as novas aos usuarios dun xeito revolucionario, e froito deste traballo presentan Google Fast Flip, que consiste nunha plataforma semellante a Google News na que só aparece o máis relevante da xornada publicado nun grupo limitado de medios (que participan activamente na iniciativa, e cos que Google repartirá os ingresos publicitarios) dun xeito orixinal, xa que os contidos desta web non son os titulares das novas, senón unha captura de pantalla das páxinas web nas que se publican, coa posibilidade de acceder ás mesmas con só picar sobre elas, permitindo unha visualización moi rápida que poderiamos comparar coa mecánica de ollar as páxinas dun xornal ou dunha revista nos seus soportes físicos.

O servizo permite que o usuarios rexistrados definan os medios que queren ver na portada de Google Fast Flip, de xeito que en poucos segundos un pode dar un repaso da información de actualidade, aínda que polo momento este experimento está limitado a medios en inglés.

O mesmo sistema de visualización pode aplicarse tanto para ver novas repartidas en medios, temáticas e categorías, como para resultados de busca, resultando especialmente elegante a versión móbil, que permite que en terminais coma o iPhone poidamos desprazarnos entre as distintas novas arrastrándoas graficamente na pantalla, replicando a interface de visualización de fotografías no terminal telefónico de Apple, que é semellante a pasar follas.

Aprendendo dos problemas con Google News, dende a empresa de Mountain View decidiron pechar acordos con 36 grandes grupos de medios dos EE.UU. antes de lanzar este servizo, de xeito buscan unha colaboración que beneficie a todas as partes, e todo parece apuntar a que a reacción será a oposta ao servizo de novas de Google: en vez de denunciar a Google, os medios serán os que soliciten a súa incorporación no servizo. De feito, Google tamén ofreceu a súa plataforma de pagamentos Checkout para que os medios que o desexen poidan facer uso dos micropagos para abrir o acceso aos seus contidos.

0 comentarios: