A Xunta márcase como obxectivo potenciar as TIC nas empresas como xeradoras de riqueza

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica avoga pola potenciación e mellora do uso das novas tecnoloxías nas empresas galegas como instrumentos xeradores de riqueza. Así o manifestou esta mañá en Vigo o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Cristóbal Varela, quen participou nas xornadas "Empresas en Red", concibidas para aumentar a produtividade das pemes a través da adopción e uso eficiente das TIC.

O subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información salientou, no transcurso da súa intervención, o Plan TIC de medidas urxentes da Xunta de Galicia aprobado polo Executivo autonómico este verán como o primeiro paso na planificación estratéxica no ámbito tecnolóxico do Goberno galego. Cristóbal Varela explicou que este plan, cuxo período de vixencia é ata decembro de 2010, ten como obxectivo identificar e pór en marcha actuacións dinamizadoras que se enmarcan na situación actual de incerteza económica e no vixente marco normativo, que esixe un impulso decidido da e-Administración.

Neste sentido, Varela adiantou que as actuacións no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación estarán orientadas a pór en marcha o modelo para coordinar a organización TIC da Xunta e de garantir o correcto funcionamento dos servizos tecnolóxicos que dan soporte aos sistemas corporativos do Goberno galego. Este proxectos servirán tamén para impulsar proxectos clave aliñados cos obxectivos estratéxicos da Xunta, incorporar á Administración autonómica medidas e actuacións que dean resposta aos imperativos legais e normativos no novo contexto dixital e establecer mecanismos de xestión e control que optimicen os investimentos e gasto en tecnoloxía no marco de austeridade e mellora da eficiencia.

"Empresas en red"

Estas xornadas forman parte das medidas incluídas no Plan Avanza, un programa posto en marcha pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (dependente do Ministerio de Industria), en colaboracións coas comunidades autónomas. O Plan Avanza pretende conseguir a adecuada utilización das TIC para contribuír ao éxito dun modelo de crecemento económico baseado no incremento da competitividade e a produtividade, a promoción da igualdade social e rexional; e a mellora do benestar e da calidade de vidas dos cidadáns.

As xornadas "Empresas en Red" que se celebraron esta mañá en Vigo buscan a máxima participación dos empresarios asistentes e a apertura de canles de comunicación entre a Administración e os autónomos e pequenos e medianos empresarios co obxectivo final de dar a coñecer as novas tecnoloxías da comunicación e incentivar á comunidade empresarial a introducilas nos seus negocios para aumentar a súa competitividade.

As xornadas continuarán mañá na cidade de Ourense, onde tamén haberá representación da Xunta de Galicia.

0 comentarios: