A lingüística e o software libre, a exame en Compostela


A oferta formativa de verán da Oficina de Software Libre da USC aínda non dixo a súa derradeira palabra para este 2009. Sen ir máis lonxe, o departamento da Universidade de Santiago máis fondamente vinculado á promoción da programación aberta ten ultimada para os vindeiros 21, 22, 23 e 24 de setembro unha actividade encamiñada a salientar os froitos da breve (relativamente) aínda que frutífera relación entre usuarios e deseñadores de código aberto e investigadores da lingua. O curso, oficialmente chamado O Software Libre e a Lingüística, xorde cos seguintes obxectivos: dar a coñecer aspectos senlleiros da informática aplicada á lingüística e á tradución, ferramentas de normalización e para a tradución asistida, recursos para a aprendizaxe a distancia, e datos completos sobre o papel da Universidade na investigación lingüística, entre outros temas.

A iniciativa vai dirixida ao público xeral, se ben resultaralles de especial interese a aquelas persoas que académica ou persoalmente están ligadas a proxectos de tradución e investigación lingüística. Esta actividade en concreto está inscrita no marcos dos Cursos de verán da USC que promove a Vicerreitoría de Cultura.

Grazas á actividade, os asistentes terán dereito a un diploma no que constarán o título do curso, o número de horas e a asistencia e para os/as estudantes da USC, este curso será recoñecíbel como 1 crédito de libre configuración.

0 comentarios: