Vigo acollerá unhas xornadas do programa Empresas en Rede


A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, a través da entidade pública empresarial Red.es, desenvolve en Vigo o programa Xornadas Empresas en Rede. Esta iniciativa englóbase nun proxecto que consiste en sesións de traballo de sensibilización e promoción do uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) entre pemes, micropemes e autónomos de toda España até decembro de 2009.

Este Programa, xunto co programa NEW -Ningunha Empresa sen Web- enmárcase na liña de capacitación TIC a pemes do Plan Avanza2 a través do programa marco Empresas en Rede e está cofinanciado con fondos FEDER.

Xornadas Empresas en Rede é un Programa de sensibilización tecnolóxica no que se mostra ás pemes como incrementar a súa rendibilidade, reducir custos e aforrar tempo na súa xestión diaria a través da aplicación das TIC. En Vigo o programa Xornadas Empresas en Rede arrinca o vindeiro martes 15 de setembro. Estas sesións de traballo realizaranse a partir das 12:00 e até as 16:00 horas no Hotel Tres Luces, na rúa Cuba, 19.

Os empresarios da provincia de Pontevedra que o desexen xa poden inscribirse para participar a través da páxina web www.jornadasempresasenred.es e do teléfono 902 012 094. O programa Xornadas Empresas en Rede conta coa participación do BBVA, Hewlett-Packard, ICG, Intel, Orange, a Asociación de Novos Empresarios (AJE) e Servipyme como empresas colaboradoras.

0 comentarios: