O computador matará a caligrafía?

A caligrafía está en perigo de extinción. Asegúrano persoas estadounidenses expertas en pedagoxía. No sistema educativo cada vez se lle dá menos importancia a esta disciplina. O estudantado só precisa escribir a man para si mesmo e non para manter comunicacións con outras persoas, que se fan a través do teclado, polo que o ensino da arte da "boa letra" vai perdendo protagonismo.

Unha reportaxe de Tom Breen para Associated Press reflicte a experiencia dunha nai de Virxinia Occidental que comprobou que a súa filla de oitavo curso escribía como unha nena pequena. De feito, nese estado só se ensina caligrafía en terceiro curso. A tecnoloxía actual fixo que esa disciplia quedase obsoleta.

As avaliacións nacionais do progreso educativo, uns exames que se efectúan nos Estados Unidos para comprobar estatisticamente a eficacia do ensino, pasarán a ser exclusivamente a través do computador no ano 2011 para o estudantado de oitavo e 11º cursos, e tamén para o de cuarto no ano 2019.

Nun mundo onde cada vez é máis necesario saber empregar un teclado, hai cada vez menos tempo para practicar a boa escrita manual. Segundo algúns expertos consultados, como a profesora Cheryl Jeffers, da Universidade Marshall, córrese o perigo de que algún día os textos escritos resulten indescifrábeis para a xente.

Porén, non todo está perdido. Nos Estados Unidos existen competicións anuais de caligrafía, do mesmo xeito que as hai de soletreado. A responsábel dun deles, Kathleen Wright, asegura que este ano se bateu a marca de inscricións, con máis de 200 mil solicitudes. Outras expertas aseguran que a escrita manual nunca morrerá, pois a meirande parte das tarefas escolares fanse a man e sempre se amosa o exemplo de "que farías nunha illa deserta onde non haxa electricidade?".

As estatísticas do sistema educativo dos EUA amosan que o maior grao de lexibilidade na escrita acádase no cuarto curso, e despois vaise perdendo esa disciplina. Na idade adulta, a meirande parte das persoas acaban empregando unha mestura de escrita cursiva e de imprenta. En calquera caso, é máis alarmante a perda de capacidade da expresión escrita: o 26 por cento do alumnado de 12º curso (equivalente a segundo de Bacharelato) carece das aptitudes básicas.

0 comentarios: