Xornadas na Coruña para fomentar o uso dos Servizos Públicos a través da rede

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio organiza na Coruña as Xornadas de Servizos Públicos Dixitais do Plan Avanza, que comezan hoxe mércores. Os encontros teñen como obxectivo garantir o acceso da cidadanía aos servizos municipais a través de internet e complétanse cunha exposición sobre as vantaxes do uso das novas tecnoloxías para relacionarse coa administración.

As Xornadas de Servizos Públicos Dixitais do Plan Avanza e mais o conxunto de aplicacións Avanza Local Soluciones teñen por obxectivo promover a modernización das administracións locais para garantir o dereito da cidadanía a relacionarse coa administración municipal a través da rede. O acto de presentación celebrarase ás 11 horas no Auditorio da Fundación Caixa Galicia da Coruña.

As xornadas están dirixidas aos técnicos do concello e ás empresas locais de servizos tecnolóxicos para que poidan prestar servizos de administración electrónica. Terán un carácter formativo, con sesións sobre a implantación e o manexo de LocalWeb, LocalGis e SIGEM, ferramentas orientadas á posta ao día das administracións locais.

En paralelo, abrirase unha exposición dirixida á cidadanía. Co título “e-Administración, aberto 24 horas”, a mostra achegará información sobre as vantaxes do uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nas xestións que se realizan coa administración pública. Estará na Coruña do 23 ao 28 de setembro.

Por último, do 5 ao 8 de outubro celebrarase un curso de formación nas aplicacións da plataforma Avanza Local Soluciones. As sesións impartiranse na sede da Deputación Provincial da Coruña en horario de 9 a 15 horas.

0 comentarios: