A Xunta saca a concurso a súa planificación estratéxica no ámbito das TIC

O Goberno galego convocou esta semana a contratación do Plan Estratéxico Tecnolóxico Global da Xunta de Galicia (2010-2013) e o Plan de sistemas TIC na Administración de Xustiza.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, como órgano superior da Administración autonómica a quen lle corresponde o impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da información e as comunicación, vén de sacar a concurso a elaboración do anunciado Plan Estratéxico Tecnolóxico Global da Xunta de Galicia (PETGX 2010-2013).

O prego de prescricións técnicas para a contratación dos servizos necesarios para a elaboración PETGX, define o propio plano como a ferramenta ou guía fundamental, tanto estratéxica coma operativa, para a posta en marcha de todas as iniciativas no ámbito das TIC que se derivan da comprensión das funcións asignadas á Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica no período 2010-2013.

Por outra banda, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica tamén convocou esta semana a contratación do servizo relativo á elaboración do plano de sistemas TIC na Administración de Xustiza en Galicia. Este plano proporá a definición dunha serie de actuacións e un escenario obxectivo, pragmático e realista para o marco temporal 2010-2012. Esta medida vén acompañada da licitación do servizo de implantación de aplicacións na Administración de Xustiza de Galicia. Este servizo abrangue a implantación, xestión de aplicacións e formación dos usuarios.

Ademáis estes días tamén se fixo pública a licitación do servizo de atención a usuarios de sistemas de información da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

0 comentarios: