A Rede de Telecentros de Comunicación participa no II Maratón Fotográfico de Vimianzo


O Telecentro de Comunicación de Vimianzo participará o vindeiro sábado no II Maratón Fotográfico que organiza o Servizo de Desenvolvemento Local do concello no marco das actividades relacionadas co programa de desenvolvemento sostible.

A saída terá lugar na praza do concello ás 9:30 horas e realizarase un percorrido de 11 quilómetros aproximadamente (Vimianzo – Campo da Areosa – Castrobuxán – Pasarela – Vimianzo). Estableceranse cinco temas para os roteiros fotográficos, que se darán a coñecer o mesmo día do maratón, sendo obrigatorio realizar cando menos unha fotografía de cada tema. Os participantes só poderán empregar cámaras dixitais e poderán volcar as súas fotografías no Telecentro de Comunicación a partir das 16:00 horas, co fin de que o xurado faga a selección das mellores fotos.

Haberá dúas categorías segundo a idade: junior (de 12 a 17 anos) e senior (adultos) e elixiranse as tres mellores fotografías de cada categoría. A exposición das mesmas terá lugar o 6 de novembro no Telecentro de Comunicación do municipio.

A Rede de Telecentros de Comunicación da Secretaría Xeral de Medios únese así a esta iniciativa do Servizo de Desenvolvemento Local de Vimianzo, a través da súa campaña Comunícate, coa que pretende dar a coñecer toda as posibilidades que ofrecen os TC para convertelos en puntos de referencia, dentro de cada concello, como lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego. O obxectivo de Comunícate é que os Telecentros de Comunicación se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía.

0 comentarios: