A Xunta anuncia a fusión da Rede de Dinamización e da de Telecentros nun só organismo


A Xunta de Galicia, segundo vén de anunciar hoxe mesmo Mar Pereira, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, vai por en marcha unha nova Rede Integral de Centros para dinamizar o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación no noso país, que fusione as antigas Rede de Dinamización e Rede de Telecentros, dous organismos que funcionaban co anterior Goberno e que tamén tiña como finalidade achegarlle as TIC á cidadanía con cadanseus recursos e maneiras de traballar.

Será unha rede que, segundo explicou, “garanta o uso racional dos recursos” e que, a través de profesionais e formadores especializados involucren á cidadanía na Sociedade da Información rachando coa fenda dixital existente nalgúns sectores e lugares.

Pereira, que interviu hoxe no Parlamento de Galicia, avanzou que en 2010 poranse en funcionamento os novos centros de Sarria, Ourense, O Barco de Valdeorras, Teo e Ribadavia, os dous últimos, engadiu, “inaguraranse o vindeiro mes”.

A secretaria de Modernización explicou que, “coa chegada do novo Goberno á Xunta existían dúas redes totalmente independentes e autónomas que sen embargo tiñan os mesmos obxectivos e estaban financiadas pola Xunta: a de telecentros, 56 aulas que dependían de Presidencia, e os da Rede de Dinamización, 60, da Consellería de Innovación e Industria”.

de forma eficiente e racional” a totalidade dos recursos dispoñibles. Neste sentido, Mar Pereira asegurou que, para o seu deseño, “foi necesario realizar un estudo en profundidade da situación de cada un dos centros e das duplicidades existentes, e analizar a demanda en cada localización”.

Esta nova Rede, segundo as verbas de Pereira, promoverá de forma “efectiva e real” o uso das TIC na poboación, e moi especialmente naqueles colectivos nos cales a fenda dixital é máis evidente, ademais de adicar unha especial atención ás pemes, micropemes e autónomos.

Asemade, a nova Rede, segundo engadiu Pereira, colaborará cos concellos galegos a través da FEGAMP, “para que acheguen o coñecemento da realidade local, o que permitirá cubrir 227 dos 315 concellos de Galicia”.

Por outra banda, Mar Pereira explicou que a Xunta enriquecerá a nova Rede co “apoio estreito e permanente” do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, deste xeito, engadiu, “a Rede terá a capacidade de proporcionar servizos de alfabetización dixital da poboación e dos colectivos onde a fenda dixital é mais evidente como o caso de mulleres, maiores, desempregados, dispacitados ou inmigrantes”.

Pereira engadiu que a nova Rede ofertará servizos de alto nivel a profesionais, con formación moi especializada e un Sistema de Certificación de Competencias no uso das TIC que, segundo explicou, “acreditarán as capacidades dunha persoa no ámbito da Sociedade da Información”.

Mar Pereira avanzou, por último, que o novo modelo de Rede despregará unha carteira de servizos axeitada e con capacidade para achegarse a toda a poboación, unha carteira de actividades formativas, de difusión e de alfabetización dixital que se presentará en xaneiro e estará presente en 2010 en 94 concellos de Galicia.

0 comentarios: