O Centro de Novas Tecnoloxías recibe o novo ano formando ao empresariado galego

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, non quere deixar de traballar en prol das TIC no vindeiro ano 2010 e xa vén de anunciar que para o mes de xaneiro, durante os días 19, 20 e 21, vai dar acollida a un laboratorio práctico orientado a formar a profesionais en ferramentas que permitan incorporar á empresa solucións de seguridade corporativa.

O curso vai dirixido a persoal ocupado, dos sectores público e privado, e responsables técnicos dos sistemas de seguridade, que obterán un coñecemento amplo sobre os sistemas de solucións en “situacións de risco”.

En total, terá un máximo de 15 participantes, que se poderán inscribir ata o próximo 31 de decembro, e que recibirán cadanseu certificado emitido polo Centro.

A selección, segundo veñen de anunciar os responsables do curso, “realizarase priorizando as solicitudes dos responsables que proporcionen un servizo cun amplo número de usuarios e aplicacións, e responsables de entidade de tamaño medio ou grande”.

Este tipo de sistemas sobre os que se impartirá o curso, segundo informan dende o Centro de Novas Tecnoloxías, “son unha necesidade nas organizacións en que a súa dimensións ou capacidade de crecemento deben manexar un alto número de usuarios e servizos, e cando esta xestión de contas se complica debido ao número de usuarios, a frecuencia dos cambios e a gran cantidade de aplicacións corporativas”.

Por exemplo, este sistema da solucións a situacións “de risco” para a empresa como a existencia de contas non asociadas a identidades, existencia de varias contas por identidade ou datos distintos nos diferentes sistemas de seguridade, referíndonse, por exemplo, á mesma persoa.

Polo tanto, a xestión de identidades permite obter un coñecemento profundo e inmediato de que e quen ten acceso aos recursos da empresa, evitando así accesos non desexados e usos incorrectos e ofrecendo, ao mesmo tempo, un maior coñecemento dos usuarios aos que se lles poderá ofrecer unha información máis axeitada e segura.

0 comentarios: