A Xunta promove a creación de proxectos tecnolóxicos relacionados co Xacobeo 2010

Se ata o de agora a celebración do Ano Santo nos servía a todos os galegos e galegas para levar o nome do noso país por todo o mundo e para dar a coñecer a nosa cultura alén das nosas fronteiras, o Xacobeo 2010 vai ser, se cadra, un dos máis proveitosos para nós, os que ficaremos aquí despois da agardada oleada de visitas, posto que servirá para deseñar e desenvolver novos produtos e servizos tecnoloxicamente innovadores dos que sacar proveito unha vez rematado todo o axetreo.

Esta é a intención da Consellería de Economía e Industria: dar pe á creación de iniciativas tecnolóxicas relacionadas co Ano Santo coas que darlle soporte aos turistas, peregrinos e público en xeral que se achegan á nosa terra á procura de novas emocións e paraxes, unhas ferramentas tecnolóxicas que, pasado este ano, nos servirán a nós no noso día a día.

Para iso, esta entidade vén de resolver axudas por valor de un millón de euros para proxectos levados a cabo por 10 empresas galegas, unha convocatoria extraordinaria de axudas destinada a fomentar proxectos que, co Xacobeo como punto de partida, contribúan ao obxectivo a longo prazo de cimentar o crecemento socioeconómico de Galicia no desenvolvemento das súas capacidades científico-tecnolóxicas, en especial as promovidas polo tecido produtivo. Por este motivo, esta liña de axudas está enmarcada no Programa de Innovación Empresarial do Plan Galego de I+D+I.

As aplicacións baseadas en dispositivos móbiles para localización ou xeorreferenciación e as ferramentas baseadas na Internet participativa ou web 2.0, tales como as redes sociais, son o eixe dalgúns dos proxectos aprobados, que se valoraron positivamente polos servizos de alto valor engadido que ofrecían. Porén outros dos aspectos especialmente valorados á hora de conceder as axudas foi a innovación tecnolóxica relacionada coa creación de contidos e plataformas virtuais especificamente vinculados á promoción do Xacobeo 2010 e á posta en valor do patrimonio artístico, histórico e cultural.

Asemade, segundo se indica no DOG, contan con apoio económico os proxectos relacionados coas infraestruturas tecnolóxicas e ferramentas destinadas á creación, difusión ou mellora de servizos audiovisuais de interese para a promoción ou soporte das actividades do Xacobeo 2010; as actuacións que permitan mellorar as tecnoloxías de restauración, inventario e estudo dos elementos históricos, artísticos e culturais vinculados ao Ano Santo; e aqueles proxectos que, con base nas TIC, permitirán darlle pulo á innovación e á mellora da competitividade e da calidade da oferta turística relacionada co Xacobeo: a promoción dixital do sector, a mellora das relacións cos clientes, o incremento da oferta de servizos e a diferenciación...

0 comentarios: