Brión oferta cursos de formación en liña de balde

O Concello de Brión, que este ano ofrece máis de trinta cursos de formación en liña, decidiu eliminar as cotas de inscrición dos mesmos para que tódolos veciños e veciñas do lugar, independentemente do seu nivel de ingresos, poideran acceder en igualdade de condicións á formación ofertada polo Goberno local.

Os cursos, aos que se accede a través da páxina web do Concello, inclúen dende o manexo de programas do entorno Office, tales como Excel, Word, Access ou Power Point, ata programas informáticos especializados en deseño, tales como Indesign, Photoshop, Dreamweaver... pasando polo uso de contas de correo electrónico e a procura de emprego na Rede.

Os máis creativos tamén poden aprender a crear o seu propio blog en Internet ou xestionar a súa propia conta nalgunha das redes sociais que se atopan hoxe en día na Rede. Ademais, os cursos inclúen algo de edición dixital (audio e vídeo) e programas máis especializados como o SIXPAC e Catastro, Contaplus ou Nominaplus, para as persoas máis aventaxadas no emprego das TIC e dos ordenadores.

O Concello de Brión, que segundo veñen de informar os seus membros, “é consciente da situación de crise económica que están a vivir as familias do municipio e da importancia que ten nestes tempos a formación”, decidíu que este ano todos os cursos de formación en liña que se impartan serán gratuitos para os veciños e veciñas de Brión. Así, calquera persoa poderá anotarse naqueles cursos que desexe a través da web oficial.

Unha vez inscritas, as persoas que desexen acceder aos cursos, terán reservadas as súas prazas na formación escollida, que comezará en canto se fixe un mínimo de 8 ou 10 persoas. Nese intre, o Concello de Brión enviará a cada alumno ou alumna unha mensaxe ao seu correo electrónico indicándolles o inicio do curso e as datas para a súa realización. Asemade, as persoas inscritas recibirán a ligazón para poder acceder ao temario do curso e ao sistema de seguemento e titorización, así como para poder realizar as probas pertinentes. Ao finalizar as clases, haberá unha proba que dará acceso a un diploma acreditativo dos coñecementos do alumno.

0 comentarios: