Unha fenda dixital divide a Galicia costeira da interior


O Instituto Galego de Estadística vén de publicar os datos da Enquisa de condicións de vida das familias no ano 2008 e no tocante ás novas tecnoloxías, a sorpresa foi que unha fenda dixital divide o interior de Galicia das provincias costeiras. Segundo o IGE, o 33 por cento dos fogares contaba con conexión a Internet no ano 2008, pero a distribución por áreas era moi irregular e mentres no entorno de A Coruña era do 45,9 por cento, no sur de Ourense, era de tan só un 14,1 por cento. A distribución dos fogares con conexión a Internet no ano 2008, lonxe do que cabería agardar, está moi lonxe de ser uniforme, e a porcentaxe varía moito en función da área xeográfica na que nos atopemos. A principal causa de que os fogares galegos non teñan conexión a Internet, segundo apunta a enquisa son fundamentalmente que “non queren porque non lles parece interesante ou útil” nun 40,7 por cento dos casos, “os altos custes” no 27 por cento dos enquisados e a “falta de coñecementos” nun 20,1 por cento dos fogares. Cabe destacar que o uso da Rede por parte dos nenos e nenas de entre 5 e 14 anos supera xa o 50 por cento e tamén está moi extendido entre os mozos e mozas de entre 15 e 19 anos, que xa o empregan nun 89,9 por cento. Porén as porcentaxes de poboación que emprega Internet vai diminuíndo a medida que incrementamos a idade dos usuarios e deste xeito, a porcentaxe da poboación de 30 a 39 anos que usa a Rede no noso país baixa ata o 69,7 por cento, mentres que a de idades comprendidas entre os 40 e os 54 non chega nin ao 50 por cento. No tocante ao uso de teléfono móbil, no ano 2008, sete de cada dez cidadáns galegos de 5 ou máis anos empregárono algunha vez, unha cifra moi superior á rexistrada no ano 2002, que se situaba un pouco por enriba do 42 por cento.

0 comentarios: