A UNED organiza en Viveiro un curso de e-learning 2.0

O Concello de Viveiro, en colaboración coa Universidade a Distancia (UNED) en Lugo, vén de anunciar a celebración, o vindeiro 23 de febreiro, dunha xornada sobre Tecnoloxías da Información e da Comunicación de última xeración, E-learning 2.0, que impartirá o profesor Manuel Gromaz Campos na Aula Universitaria de Viveiro.
O curso, que ten como obxectivo propocionarlle ás persoas asistentes as destrezas e competencias necesarias para empregar entornos virtuais open source de última xeración dende un punto de vista didáctico, ten un custe de 5 euros e outorgaralle 1 crédito UNED de Libre Configuración e 0,5 créditos ECTS a tódolos asistentes.
A xornada consta de dúas sesións, unha primeira sesión presencial, de catro horas de duración e outra sesión virtual, de 21 horas, baseada na aprendizaxe a distancia e na interactividade virtual cos alumnos, é dicir, o que se coñece como metodoloxía Blended-learning.

Os alumnos e alumnas asistentes, que recibirán cadanseu diploma acreditativo, traballarán fundamentalmente con tecnoloxías de software libre de última xeración, tales como Webminars, LMS, ePorfolios, Redes Sociais, Entornos Virtuais 3D…
Os contidos que se van tratar na sesión teórica son, entre outros, unha introducción ao que é o e-learning e unhas nocións básicas sobre o que é o software comercial e o software libre.

Tamén se tratará o tema da e-learning na empresa e na administración para logo, no obradoiro virtual, aprender a crear, administrar e xestionar cursos virtuais a través de sistemas de xestión da aprendizaxe.

O temario tamén inclúe, nesta sesión virtual, o emprego de ferramentas de comunicación sincrónica (tutorías en liña), así como o emprego de ferramentas de comunicación asincrónica, como son os debates e o traballo en grupo.
Por último, as pesoas asistentes iniciaranse no deseño en liña de contidos.

0 comentarios: