Bota a andar a páxina web sobre o Plan de Ordenación do Litoral


A Xunta de Galicia activa hoxe unha páxina web sobre o Plan de Ordenación do Litoral, publicación web que é unha das medidas potenciadas polo Goberno galego para cumprir co compromiso de máxima transparencia no deseño e definición deste proxecto de ordenación territorial. O Plan de Ordenación do Litoral ten por obxecto establecer os criterios, principios e normas xerais para a ordenación urbanística da zona litoral baseada en criterios de perdurabilidade e sustentabilidade, así como a normativa necesaria para garantir a conservación, protección e posta en valor das zonas costeiras.

Ademais, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a habilitar unha oficina de información nas dependencias da Consellería en San Lázaro, na que a partires da vindeira semana estará dispoñible a totalidade da cartografía impresa do POL, a disposición dos concellos e dos cidadáns, así como un sistema avanzado de consultas de análise territorial e dous técnicos para solucionar dúbidas e recoller suxestións.

Por outra banda, dende a páxina web pódense descargar e consultar todos os contidos do Plan do Litoral para que os concellos e os cidadáns teñan acceso directo a información relativa ao plan do litoral, que actualmente está en fase de audiencia por parte dos concellos e das entidades e organismos relacionados coa ordenación do territorio. Este período de audiencia é un tempo no que se busca a participación das entidades locais para que formulen as dúbidas e propostas que consideren oportunas sobre os obxectivos que suscita o plan.

Os contidos que se poden consultar nesta páxina están relacionados coa metodoloxía empregada, a síntese territorial, a normativa do plan, pero sobre destaca toda a documentación gráfica, particularmente a cartografía territorial con todo o ámbito de xestión do plan e todas e cada unha das máis de 400 unidades de paisaxe nas que se dividiu a costa de Galicia.

Plan de Ordenación do Litoral

Dende o Goberno galego defínese o Plan de Ordenación do Litoral (POL) como o documento necesario e inaprazable para a constitución dun marco normativo estable que protexa de forma efectiva o litoral de Galicia. Sen dúbida, tamén é un instrumento de xestión que xorde dende o convencemento de que protexer no é só prohibir, senón que consiste en xestionar un territorio ordenando os seus usos e atendendo á súa configuración natural e antrópica así como a os seus procesos e dinámicas, no marco dun novo modelo territorial. Un terceira definición deste instrumento de ordenación pivota no feito de que é un proxecto que recoñece as singularidade e elementos identitarios da costa e a sociedade de Galicia.

Filosofía de goberno

A Xunta de Galicia asume como filosofía de goberno o principio de que o desenvolvemento da Comunidade autónoma debe fundamentarse nun crecemento harmónico cos valores do noso territorio. Nese sentido, o litoral de Galicia presenta un diverso número de paisaxes e oportunidades, que entre todos debemos poñer en valor.
Neste contexto, o Plan de Ordenación do Litoral xorde como un instrumento capaz de favorecer unha xestión integral do territorio, un instrumento eficaz para dirixir os usos do chan co obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis xusta e competitiva pero ao mesmo temo máis comprometida coa sustentabilidade e a paisaxe.

0 comentarios: