Preséntase a curtametraxe feita por iniciativa da Rede de Dinamización da Sociedade da Información nos Concellos da Guarda e Tomiño

A curtametraxe, promovida polos dinamizadores da Rede de Dinamización da Sociedade da Información da Guarda e Tomiño co gallo do Día das Letras Galegas e Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, presentouse en sociedade o venres 30 como apertura do acto que a Agrupación Cultural Guardesa realizou para conmemorar dito día

Julia Sobrino, a presidenta da agrupación, foi a encargada de presentar o vídeo ás mais de 200 persoas que se encontraban no auditorio.

A curtametraxe intenta dar maior coñecemento do noso idioma e legado cultural galego a traves das poesías de Xosé María Álvarez Blázquez narradas por galegos e galegas, e aportar tamén un fondo visual de Galiza medinte fotos.

Este filme audiovisual ten una duración de 14 minutos e é o resultado do esforzo dos 2 dinamizadores, de 55 colaboradores, da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia da Consellería de Innovación e Industria e do Concello da Guarda e o Concello de Tomiño

O vídeo tamén pode verse na Internet ademais de poder consultalo na Biblioteca Municipal da Guarda.

1,7 millóns de euros para accións de dinamización da innovación nas pemes galegas


Poden optar a estas axudas organismos de intermediación e representación empresarial e empresas consultoras especializadas en xestión da innovación

Subvencionaranse actividades como conferencias e seminarios que incidan na importancia da innovación e accións para a implantación da I+D+i en pequenas empresas

A Consellaría de Innovación e Industria publicou, a través da súa Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a convocatoria de subvencións para a mobilización, a dinamización e a sistematización da Innovación. A convocatoria ten un orzamento dispoñible de 1,7 millóns de euros.

O obxectivo desta orde é sensibilizar sobre a importancia dunha xestión da innovación axeitada, para o que se subvencionarán xornadas, seminarios e obradoiros por un lado, e accións de dinamización da innovación en colectivos empresariais por outro.

A convocatoria contribúe deste xeito á creación de dinámicas e de competencias que permitan o aproveitamento dos recursos de innovación e o acceso a socios e colaboradores que faciliten os procesos de cambio na empresa. Poden optar a esta convocatoria organismos de intermediación e representación empresariais e empresas consultoras especializadas en xestión da innovación. Os organismos de intermediación son aqueles que aglutinan colectivos sectoriais ou xeográficos de empresas e que, ademais dunha función de representación do colectivo, deben prestar de forma habitual servizos de apoio ás empresas e presentar un interese preferente pola innovación.

En canto ás consultoras, deben demostrar experiencia no fomento de accións de articulación do sistema de innovación e ofertar servizos de consultoría en innovación. Xornadas, obradoiros e accións de dinamización As actuacións que se financiarán son de dous tipos.

Por unha banda, subvencionaranse xornadas, seminarios e obradoiros sobre a importancia da innovación e a súa aplicación sistemática e profesionalizada, e por outra accións de dinamización da innovación en colectivos empresarias. No caso de xornadas e seminarios, valorarase a capacidade de convocatoria e impacto, mentres que nos obradoiros se dará prioridade a aqueles dirixidos a grupos de empresas reducidos para desenvolver accións concretas. Os gastos subvencionables son o pagamento a conferenciantes, os custos de desprazamentos, o aluguer de salas e a dedicación de persoal da entidade organizadora. A contía será dun máximo de 20.000 euros por evento e 100.000 por programas completos con varios eventos. Subvencionarase até o 100% dos gastos admitidos.

A segunda modalidade vai dirixida a accións de dinamización da innovación en colectivos empresariais e a proxectos piloto de implantación de sistemáticas de innovación en PEMES. As axudas poderán ser dun mínimo de 10.000 euros e ata un máximo de 100.000 e os gastos que poden ser subvencionados son os de persoal propio ou contratado, os de consultoría, asesoría, titoría e formación, e outros gastos.

Presentación preferentemente telemática

O prazo para presentar as solicitudes remata o día 2 de xullo do presente ano. Para solicitar a subvención, os formularios deberanse obter, cubrir e aceptar necesariamente a través da aplicación informática establecida nos enderezos electrónicos http://www.conselleriaiei.org/dxidi ou http://xunta.es/administracionelectronica.

As solicitudes presentaranse, preferentemente, a través da aplicación informática. Non obstante, as entidades terán a opción de facer a presentación en formato papel nun rexistro válido, unha vez impresos os documentos xerados pola aplicación. Aquelas entidades que opten pola presentación manual, poden facelo nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, ou polos restantes medios previstos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nace AndaLibre, a Asociación de Empresas de Software Libre de Andalucía


O colectivo buscará defender o uso de estándares abertos en calquera ámbito e especialmente nas Administracións Públicas. O pasado mes de setembro constituíase AGASOL, a Asociación de empresas Galegas de Software Libre.

AndaLibre, formada xa por 21 empresas, levará a cabo acciones encamiñadas ao fomento, promoción, comunicación, investigación, comercialización e desenvolvemento do software libre, atendendo especialmente ao ámbito dos servizos empresariais, profesionais e institucionais, potenciando a súa imaxe e pondo en marcha mecanismos de cooperación entre empresas de software libre, ademais da colaboración co resto de posibles actores implicados para a consecución dos seus obxectivos.

O colectivo buscará defender o uso de estándares abertos en calquera ámbito e especialmente nas Administracións Públicas; de fomentar a investigación e o desenvolvemento de tecnoloxías baseadas en software libre, contribuíndo así a un mellor desenvolvemento empresarial e territorial; de servir como interlocutor válido ante a Administración Pública; e, finalmente, de colaborar e cooperar con outras organizacións autonómicas, nacionais e internacionais coas que se coincida nos fins.

O pasado mes de setembro constituíase na mesma liña AGASOL, a Asociación de empresas Galegas de Software Libre. Agasol é unha iniciativa de empresas galegas de software libre que se agrupan nunha asociación para intentar acadar maiores oportunidades de negocio, exercer como interlocutores dun sector en fase expansiva en Galicia e, ao tempo, promocionar un modelo de sociedade do coñecemento no que resulta clave a liberdade para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles eses progresos.

Compostela acolle o Proxecto Europeo Parents


No marco da iniciativa de Aprendizaxe Permanente da Comisión Europea (Programa Long Life Learning - Grundtvig) no que participan sete institucións europeas (entre as que se atopa o Centro de Supercomputaición de Galicia, CESGA), o Proxecto Europeo Parents vai celebrar unhas xornadas de traballo en Santiago de Compostela os vindeiros días 5 e 6 de xuño.

Este proxecto, que aborda o problema da formación dos pais e das nais de adolescentes á hora de orientar aos seus fillos e fillas nos seus estudos e opcións laborais futuras, está coordinado pola institución de educación superior de Lodz-Polonia-Academy of Management (SWSPiZ) e chega á nosa Comunidade da man da área de e-learning do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Precisamente este departamento é o responsable de definir as ferramentas tecnolóxicas de asesoramento e formación así como de liderar a análise do desenvolvemento do entorno tecnolóxico do proxecto.

Os responsables da iniciativa teñen como principal obxectivo experimentar un modelo de formación, orientación e aprendizaxe conxunta co apoio das novas tecnoloxías, tanto para axudar no desenvolvemento de competencias e habilidades entre os pais e nais como para reforzar o papel da formación entre pares na educación dos seus fillos xa que todos xogan un papel crucial na planificación das súas carreiras profesionais.

Aínda que as investigacións nesta materia están sendo realizadas en Estados Unidos e Canadá dende hai máis de dez anos, en Europa é unha temática aínda por explorar polo que esta iniciativa será un punto de partida no desenvolvemento de novas experiencias similares na nosa comunidade.

Un dos pais de Internet, na Campus Party de Valencia


Os organizadores da Campus Party, o encontro de cultura dixital e tecnoloxía en Rede que o pasado ano achegou a máis de 8.000 persoas a Valencia, veñen de anunciar hoxe ó seu relator principal, o británico Tim Berners-Lee, recoñecido en todo o mundo como un dos “pais” de Internet por ter establecido as primeiras conexións entre as ferramentas que fan posible a Rede de Redes.

Entre outras cousas, Sir Tim Berners-Lee, que abrirá a festa dixital deste ano, é o responsable de crear algunhas das utilidades máis importantes para o funcionamento da Word Wide Web, como a linguaxe HTML (HyperText Markup Language), o protocolo HTTP (HyperText Transfer Protocol) e o sistema de localización de obxectos na web URL (Universal Resource Locator).

Asemade, este científico informático inventou un sistema para interconectar documentos e facelos accesibles a través da Rede chamado World Wide Web e desenvolveu tódalas ferramentas para facer funcionar a web: o primeiro navegador, o primeiro servidor web e as primeiras páxinas.

A Campus Party, que este ano terá lugar do vindeiro 28 de xullo ó 3 de agosto na Feira de Valencia, conseguiu que Berners-Lee asistira como relator 19 anos despois de que fora concibida a Rede e cando se cumpre o 15º aniversario do anuncio do CERN de que “a web sería accesible de balde para todo o mundo”.

O que é na actualidade director do World Wide Web Consortium (W3C) ilustrará aos asistentes da Campus Party 2008 cun relatorio sobre a súa experiencia coa Rede e sumarase á participación doutros importantes personaxes do mundo da cultura e a investigación dixitais, como o inventor da linguaxe PHP, Rasmus Lerdorf e o presidente de Linux Internacional, Jon Maddog Hall, entre outros.

O colectivo Galite estrea nova face na Web

A Rede galega vinculada á información máis ceibe de peaxe segue a subir chanzos no comunicativo, tanto no fondo como na feitura. Disto, de renovarse para coller pulo é do que trata o novo paso dado polo Grupo Asociado pola Libre Información e a Tecnoloxía (Galite.org), que vén de estrear unha nova face na Web co obxectivo de pórse un pouco máis preto dos usuarios da Internet. De feito, unha das grandes novidades da proposta é a incorporación de novos foros a disposición de todos os usuarios e usuarias, amais dun servizo de correo electrónico, unha área de socios e unha nova sección para a publicación de artigos.

Segundo informan os propios membros do Grupo, a nova web foi deseñada sobre Drupal 6, co que se pretende achegarlle máis estabilidade e rendemento a esta presenza do colectivo na Internet.

O Concello de Cerceda presenta o blog de Normalización Lingüística


Co motivo do Día das Letras Galegas e o Día da Internet, o Concello de Cerceda acaba de presentar o blog de Normalización Lingüística que parte coa finalidade de ser o portal sobre a lingua do concello e o punto de encontro sobre as novidades que neste ámbito se leven a cabo desde a Administración local e no conxunto do país.

O obxectivo principal deste blog é dar a coñecer as actividades que o Concello de Cerceda programe no eido da normalización lingüística. Ademais, o blog tamén pretende ser un lugar onde achar recursos, materiais e ligazóns de interese relacionados coa lingua, a formación lingüística ou a dinamización.Para iso, o blog conta con diferentes páxinas en que se poderá achar e consultar, de xeito doado, algúns temas como as novidades que xurdiren en materia de lingua (na sección Novas), os cursos de formación lingüística abertos (na páxina Fórmate), diferentes recursos lingüísticos (Como é?) ou algunhas curiosidades (Sabías que?).

O seu enderezo é http://snlcerceda.wordpress.com

Agolada converteuse no centro do blogomillo


Un par de ducias de blogueiros e moitos máis convidados participaron nunha xornada de confraternización e divulgación cun marcado ton cultural.

O sábado foi o día da xuntanza de blogueiros nos Pendellos de Agolada. Ao final, participaron os responsábeis de máis de 20 bitácoras de todo o país, máis outros tantos non-blogueiros, que compartiron experiencias e formaron parte dun completo programa cultural.

A xornada serviu como primeiro punto de encontro de moitos autores de páxinas, dende os máis novos até os máis vellos. Tamén houbo mestura entre blogueiros que levan xa anos na rede e outros que comezaron apenas hai uns meses.

Como estaba previsto no programa, cada un dos participantes interviu para falar de si e da súa bitácora. Tamén houbo actuacións musicais, como a da zanfonista e a de varias bandas que recibiron os blogueiros na súa chegada a Agolada. Non faltou tampouco un percorrido turístico pola zona e mesmo unha concentración de automóbiles antigos.

Ao remate da xornada, faltaba o compromiso de que os participantes contasen no seu espazo web todo o acontecido no encontro. Polo de agora, pódense ler as crónicas de A porta verde, A zanfonista, Chousa da Alcandra, Cuspe de Pita, Marcus, Mariola, Paideleo, Prometeo, Turismo de Pontevedra, Vicente Montoto, Xosi e o propio blog oficial.

O concello de Redondela apoia a creación do dominio PuntoGal

O concello de Redondela vén de aprobar unha moción para apoiar a creación do dominio puntogal para a lingua e a cultura galega en Internet.

A adhesión do concello de Redondela a esta proposta aprobouse en sesión ordinaria o pasado 29 de abril, cun acordo no que se salienta a importancia do .gal para dar visibilidade na rede á realidade cultural e lingüística galega.

Deste xeito, Redondela convértese no segundo concello en apoiar o PuntoGal, despois de Rianxo, sumándose ás máis de 60 entidades adheridas á iniciativa da Asociación PuntoGal. Ademais, xa son máis de 8.500 as persoas que, a título individual, apoian o proxecto para conseguir un dominio propio na rede para a lingua e a cultura galega.

Compostela acollerá en xullo unha nova edición do Encontro de Edublogs


Entre os días 3 e 5 de xullo terá lugar en Santiago de Compostela o III Encontro de Edublogs 2008 que se desenvolverá na Facultade de Ciencias da Educación e tratará temas como a creación de redes sociais educativas a través de distintas ferramentas.

Conferencias, experiencias, e talleres do máis diverso completarán o programa do evento que abre o seu prazo de inscrición ata o 25 de xuño, e que pretende acoller a un total de 100 persoas.

As actividades repartiranse segundo o seguinte programa:

Xoves, 3 de xullo
16:30 - 17:00 Recepción participantes. Acollida e entrega de materiais.
17:00 - 17:30 Inauguración oficial do encontro.
17:30 - 18:00 Vídeo conferencia con Mario Núñez.
18:00 - 18:40 Comunicacións.
18:40 - 19:00 Descanso.
19:00 - 20:00 Comunicacións.
20:00 en diante Cea, risas, cancións....

Venres, 4 de xullo
10:00 - 12:00 Talleres:
·Iniciación aos blogs I.
·LIM. Programa de autor.
·Multimedia no blog.
·Podcast na aula.
·Cmaps. Mapas Conceptuais.
·Lousa dixital.
12:00 - 12:30 Descanso.
12.30 - 14:00 Comunicacións.
14:30 - 16:00 Comida. Residencia de estudantes Monte da Condesa.
16:30 - 18:30 Talleres.
·Iniciación aos blogs II (Cont.).
·eXe Learning.
·Google Docs
·Iniciación a Moodle
·Wikispaces
·Iniciación a Joomla
18:30 - 19:00 Descanso.
19:00 - 20:30 Mesa redonda.
21:00 en diante Cea e jolgorío.

Sábado, 5 de xullo
09:30 - 11:00 Conferencia: Juan Freire.
11:00 - 11:30 Descanso.
11:30 - 12: 00 Presentación Asociación Aulablog e liñas de traballo.
12:00 - 12:30 Avaliación do Encontro.
12:30 - 13:30 Clausura.