A Deputación da Coruña edita un CD de recursos dixitais en lingua galega


A Deputación da Coruña presentou un CD de recursos lingüísticos de galego editado coa colaboración do Concello herculino co obxectivo de fomentar o uso do idioma entre a poboación. O proxecto fundaméntase na "necesidade de contar con recursos actuais e útiles para a difusión do uso e o desenvolvemento da lingua galega". Así, a recompilación de recursos preséntase en formato dixital para "favorecer o uso habitual das tecnoloxías da información en galego".

En total editaranse 4.000 exemplares do CD, 3.000 a cargo da Deputación e 1.000 a cargo do concello, que se distribuirán entre as asociacións da cidade e os traballadores da propia entidade local.

A concelleira de Normalización Lingüística da Coruña, Ermitas Valencia, anunciou que, como complemento este CD, o concello organizará varios obradoiros para ensinar a manexar as ferramentas que conteñen co financiamento da Consellería de Innovación e Industria. Ademais, a Deputación coruñesa porá en marcha a próxima semana unha páxina web que recompilará todas estas ferramentas para o fomento e a extensión no uso do idioma.

O CD conta con varios apartados, entre os que se atopan enderezos en que se poden atopar correctores ortográficos de galego, unha selección de dicionarios xerais e temáticos, enderezos de referencia para a aprendizaxe da lingua, tradutores de galego. A maiores, inclúe a 'Linguateca', un apartado que recolle 'links' con temáticas relacionadas coa lingua galega sobre toponimia e antroponimia, lexislación, lingua TIC e multilingüismo.

0 comentarios: