O galego convértese definitivamente en lingua oficial do navegador Mozilla Firefox

A Fundación Mozilla xa incluíu o galego como tradución oficial do navegador Firefox 3. Despois duns meses en que estivo en fase de proba, a nosa lingua xa forma parte da listaxe de versións definitivas do software. Para chegar a este punto, foi fundamental o apoio prestado pola Consellaría de Innovación e Industria.
O proxecto de localización ao galego de Firefox levaba cinco anos en punto morto. A intervención de Innovación e Industria conseguiu desbloquear a situación. A Fundación Mozilla respondeu positivamente abrindo unha vía de traballo conxunta coa comunidade galega de tradución de software coordinada polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún.

Grazas a esta iniciativa, xa é posíbel descargar Firefox en galego dende a páxina oficial de Mozilla, en versións para Windows, Mac e Linux, sen necesidade de instalar extensións engadidas. O navegador forma parte tamén do sistema operativo Galinux, presentado hai uns días en Compostela, e que permite un uso do computador integramente en galego e con aplicacións informáticas libres e gratuítas.

0 comentarios: