O Centro Dramático crea unha web para a difusión de textos teatrais


O Centro Dramático Galego presentou este xoves unha web onde se difundirán os textos escritos polos autores de teatro galego actuais. A iniciativa conta con escasos precentes no Estado Español e está dispoñíbel no dominio dramaturxiasdaactualidade.org.

O servizo é unha actividade máis das xeradas polo Centro de Creación Dramática Contemporánea (CDC), dependente do CDG, e ten o dobre obxectivo de ser vía de acceso de referencia para a escrita dramática galega actual e de servir de plataforma de lanzamento de creadores.

A súa estrutura combina un depósito con acceso público de textos dramáticos e un foro de lectura teatral. Tamén se pode converter nun lugar na rede onde atopar materiais, suxestións e informacións sobre a actualidade da creación dramática galega.

Incluirase un número ilimitado de textos escritos polos membros do laboratorio Pistas para unha dramaturxia da actualidade, dirixido por Cándido Pazó, xunto a obras de autores emblemáticos da dramaturxia galega que desexen usar o medio como un vehículo de exhibición das súas propostas. Hai tamén espazo para títulos actuais en calquera lingua e para obras en reposición e textos de espectáculos producidos nos últimos anos.

O acceso aos documentos é libre e gratuíto e conta coa autorización dos autores, que seguen a ter reservada a propiedade intelectual, de tal xeito que será preciso solicitarlles permiso para usar publicamente as obras.

Cada texto, en formato PDF, vai acompañado dunha ficha técnica con información da obra. Para facilitar a súa localización, incorporouse un motor de busca por distintas categorías. Hai, ademais, un foro de intercambio de opinións e de xeración de debates arredor das obras.

0 comentarios: