Os Oscar renovan a súa imaxe na Rede


A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de Hollywood vén de presentar oficialmente a renovación da súa páxina web, que agora inclúe, entre outras cousas, contidos multimedia, acceso a arquivos e ligazóns a unha canle propia en YouTube.

Despois de oito meses de intenso traballo, o portal vese agora máis moderno e completo, xa que aumentou o seu volume de contidos considerablemente e abriu un acceso virtual aos arquivos de películas e guións que constaban na base de datos da organización.

Este cambio permítelle aos fans dos premios realizar tarefas nunca antes posibles na antiga web, tales como, coñecer os segredos mellor gardados da Academia, saber as opinións persoais dos membros da institución ou revivir a entrega das estatuillas aos antigos gañadores a través de vídeos en liña.

Din os seus responsables que o sitio “é un máis que extenso homenaxe aos Premios da Academia”, onde os visitantes poden descubrir, ademais de unha gran cantidade de películas e guións arquivados, programas educativos dirixidos a xoves directores, material gráfico de vindeiras exhibicións da Academia (como por exemplo algún bosquexo de Fellini que se atopa actualmente en exposición) ou as persoas que votan nos Oscars por medio de vídeo.

Botando unha primeira ollada, descubrimos que o portal inclúe, asemade, fotografías históricas de tódalas edicións dos Oscar, dende Clara Bow a Javier Bardem, así como varias coleccións privadas de pósters clásicos, como o de Margaret Herrick.

Canle propia en YouTube

A Academia ten agora a súa propia canle no popular sitio de descargas de vídeos YouTube, onde os internautas máis cinéfilos poden revivir momentos clásicos dos Oscar como o premio que Marlon Brando nunca recolleu polo seu papel de Don Corleone en El Padrino (no seu lugar enviou á apache Sacheen Pequena Pluma en protesta pola política dos Estados Unidos contra os nativos americanos) ou o ataque frontal de Adrien Brody a Halle Berry na edición dos premios de 2003.

0 comentarios: