Castrelo de Miño inaugura rede sen fíos e Centro de Dinamización

O concello de Castrelo de Miño xa conta con rede sen fíos municipal, que dará acceso á internet a máis de 150 veciños. A infraestrutura supuxo un investimento de preto de 160.000 euros por parte da Consellaría de Innovación, que pretende que o rural dispoña das mesmas oportunidades de desenvolvemento.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, inaugurou tamén este luns no concello ourensán o Centro de Dinamización dá Sociedade da Información, que conta con equipamento informático e cos dispositivos para a cobertura de telecomunicacións. En total instalaranse catro postes emisores que enviarán o sinal aos núcleos rurais de seis das sete parroquias do municipio mediante unha rede Wimax.

Segundo o alcalde de Castrelo, Xurxo Rodríguez, a posibilidade de contar cunha rede de banda larga será un factor que "dinamizará a economía" no concello, especialmente nas 32 adegas que alí se asentan, ademais de favorecer a fixación de poboación no rural.

Pola súa parte, Fernando Blanco destacou a importancia desta iniciativa e asegurou que a implantación da banda larga e da Sociedade da Información no medio rural é "primordial se se quere facer un aposta firme polo medio rural". No acto inaugural tamén estivo presente a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela.

O alcalde e mais o conselleiro resaltaron a resposta da cidadanía á iniciativa, pois xa se superaron as 150 solicitudes. Ademais, en virtude deste convenio, gozarán de 20.000 euros para a adquisición de equipos informáticos, ademais de dispoñer dunha aula de dinamización que contribuirá a mellorar os coñecementos informáticos de quen o desexe.

Na aula desenvolverá o seu traballo unha dinamizadora da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que lles ofrecerá formación a aqueles colectivos con maior dificultade no uso das TICs. Compoñen o equipamento da aula once computadoras, unha impresora a cor, un proxector con pantalla e unha cámara de fotos dixital.

Curso de Google Analytics, na Cámara de Comercio de Vigo

A Cámara de Comercio de Vigo vén de anunciar na súa páxina web un curso de Google Analytics para o vindeiro día 29 de setembro.

A iniciativa, que organiza a empresa especializada en marketing e publicidade na Rede, Gestiberia, terá unha duración de 4 horas e os asistentes aprenderán, entre outras cousas, a empregar a devandita ferramenta para medir e optimizar os aspectos críticos de todo sitio web: a súa usabilidade, campañas de promoción, navegación, contidos, posicionamento en buscadores...

Os encargados da formación dos asistentes serán profesores certificados por Google Analytics.

Unha recomendación de cine XXV

El tren de las 3:10’

Dan Evans (Christian Bale) é un veterán do exército da Unión que está a piques de perdelo seu rancho. A fortuna ofrecelle unha oportunidade a Dan cando o foraxido Ben Wade (Russell Crowe) é capturado. Ben é un home violento e despiadado que durante anos leva asaltando a línea férrea da Southern Pacific. Ben ten que ser escoltado por un grupo de homes moi ben pagados, entre eles Dan, ata Contention. Alí debe tomar un tren a Yuma para ser xulgado por un tribunal federal. Este viaxe de tres días convertirase nun pesadelo porque tras un aspecto atractivo e encantador Wade no fondo é un manipulador capaz de sacar partido a menor debilidade.


Google Chrome

O software, aínda en beta, xa conta co seu primeiro fallo de seguridade grave. A súa rapidez, o principal punto a favor.

Pasadas as oito do serán (hora galega) do martes 2, Google facía dispoñíbel o seu navegador Chrome, chamado a "revolucionar" a web. Porén, aínda se trata dunha versión beta e, polo momento, só para Windows. A compañía anunciou que "despois" se sacarán versións para Mac e Linux. Tampouco está en galego, mais si, por exemplo, en catalán.

As persoas que o probaron xa experimentaron a súa rapidez á hora de interpretar javascript, o seu principal punto forte. O resto das súas innovacións, cando menos a nivel externo, están na liña das novas versións en desenvolvemento dos principais navegadores.

E, como calquera software en beta, xa se atopou o seu primeiro fallo de seguridade grave. Chrome herda unha vulnerabilidade dunha versión antiga de Webkit, o motor que emprega para representar as páxinas web.

En todo caso, Google volveu triunfar no que se refire á transcendencia mediática. Medios de comunicación que raramente se ocupan de información relacionada coas novas tecnoloxías fixéronse eco do lanzamento.

A adicción a Internet xa ten nome propio:Googlite!

Segundo un estudo realizado pola empresa YouGov por encargo do servizo de información telefónica 118118, o 44 por cento dos británicos séntense estresados e con niveis altos de ansiedade ante a “imposibilidade de poder conectarse a Internet” polo motivo que sexa. Para levar a cabo o informe, YouGob entrevistou a 2.100 cidadáns daquel país durante a primeira semana de xullo, e concluíu que os síntomas que presentaban estes afectados coincidían cos que presenta unha doenza bautizada hai pouco como discomgoogolation, é dicir, googlite, ou adición a Internet.
Este cadro clínico foi detectado polo psicólogo David Lewis, que deu con el medindo as pulsacións e a actividade cerebral dos doentes que acudían á súa consulta cos devanditos síntomas.

A palabra ven da unión do termo discombobulate, que significa confundir ou frustrar, e Google, o popular buscador da Rede (que hoxe volve a ser nova por crear o seu propio navegador web).

Segundo palabras do propio Lewis, “cando non podes conectarte á Rede, a discomgoogolation apodérase de ti” e os niveis de estres rexistrados supoñen un incremento da actividade cerebral e da presión sanguínea considerables, que poden danar a saúde.

A enquisa tamén determinou que o 76 por cento dos británicos non poderían vivir sen Internet e que a metade da poboación emprega a Rede entre unha e catro horas ó día; mentres que o 19 por cento dos enquisados pasa máis tempo en liña que coa súa familia nunha semana.

Preséntase en Compostela o libro Las TIC para la igualdad

O vindeiro venres día 5 de setembro, no marco XI Congreso Edutec (vinculado ó lema As TIC, ponte entre culturas: Iberoamérica e Europa, vaise presentar, en Santiago de Compostela, o libro Las TIC para la igualdad, unha obra deseñada para darlle a entender ao lector a utilidade das novas tecnoloxías na atención á diversidade.
Julio Cabero, Margarita Córdoba e José María Fernández son os coordinadores deste título integrado na Colección Educación e Psicoloxía, da Editorial MAD Eduforma, no que se ofrece unha análise das tecnoloxías da información e a comunicación dispoñibles no contexto educativo para persoas con determinados tipos de discapacidade.

A obra, de grande utilidade para mestres e expertos en Educación Especial, será presentada no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) ás 9.45 horas.
A Editorial MAD Eduforma, conta cunha experiencia de máis de 25 anos na publicación de libros cunha orientación práctica e a este título súmanse outras obras como Ensino con TIC no século XXI ou A escola 2.0, entre outras.

Arranca a modalidade presencial de Edutec perante a presenza de investigadores de toda Iberoamérica


A Universidade de Santiago (USC) acolle a partir de hoxe e até este venres 5 o desenvolvemento da face presencial do Congreso Edutec, un encontro encamiñado a favorecer o intercambio de coñecemento arredor de diferentes procesos de innovación na ensinanza. A xuntanza, que se centra en boa medida no que poden facer as novas tecnoloxías da información para a mellora educativa (mellora na transmisión dos datos, achega de diferentes linguaxes para completalos, meirandes facilidades para afrontar o proceso formativo), dá comezo ás 9.30 no Colexio de Fonseca para logo enfiar cara a un dos seus puntos álxidos coa inauguración oficial no salón nobre do dito recinto, ás 11.00 horas.

O congreso, coordinado polas profesoras da USC Beatriz Cebreiro e Carme Morante, comezou o pasado día 1 na súa modalidade virtual, cunha serie de debates organizados a través de sesións en liña. Amais do acto de apertura de hoxe (no que participarán, entre outros, a consellería de Educación, Laura Sánchez, o reitor da USC, Senén Barro, e o director xeral de I+D, Salustiano Mato), o programa da xornada vén completo abondo.

Así, está previsto que inclúa un relatorio de Alejandro Piscetelli (sobre as 12.00 horas en Fonseca), obradoiros sobre recursos TIC para o eido educativo (a partir das 16.00 na Facultade de Ciencias da Educación), mesas de debate sobre métodos de aprendizaxe a distancia (sobre as 17.30) e unha nova charla de Juan Carlos Tedesco, ministro de Educación de Arxentina (a partir das 18.30 horas).

Xoves e venres
A sesión do xoves centrarase no uso de software social no contexto educativo, a formación en liña para hospitais e o pasado e futuro dos obxectos de aprendizaxe. Tamén se farán mesas redondas e talleres destinados a tratar o deseño de contidos didácticos ou a mellora dos espazos de formación na rede, entre outros aspectos.
Xa o venres 5, Edutec acollerá a presentación da Rede Iberoamericana de Museos Pedagóxicos Interactivos e do libro As TIC para a igualdade. Tratarase o e-learning en Europa ou as novas tecnoloxías para crear pontes entre culturas. O acto de clausura será, ás 17:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía.

PuntoGal supera os nove mil apoios individuais

A Asociación PuntoGal continúa coa campaña de recollida de sinaturas a prol do dominio para a cultura e a lingua galegas, e que acaba de superar os 9 mil apoios. A convocatoria abriuse en xaneiro de 2007, e segue a medrar.

Ademais das sinaturas, a iniciativa a prol do dominio .gal conta con 75 entidades adheridas, entre asociacións culturais, empresas, colexios profesionais e medios de comunicación, entre outras.

A todas elas hailles que sumar os 20 centros galegos na diáspora que están a apoiar explicitamente a campaña. PuntoGal segue a traballar en conseguir o apoio das asociacións galegas no exterior. A web segue a recoller sinaturas a prol do dominio, dentro da sección 'Apoios individuais'.

Preséntase en Sada un novo centro da Rede de Dinamización

Sada xa dispón dun novo centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, foi o encargado de presentalo este xoves, acompañado da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e do alcalde da vila de Sada, Abel López Soto.

A nova aula que se vai abrir ao público está totalmente equipada para que o persoal dinamizador da Rede de Dinamización poda achegar á poboación ás Novas Tecnoloxías. A aula está equipada con dez ordenadores de mesa máis un portatil, equipados con software libre en galego cunha estrutura de rede sen fíos wi-fi, once cámaras web, unha impresora en branco e negro e outra a cor, un escáner, un proxector e mais unha cámara de fotos dixital.

A Rede de Dinamización leva dende xaneiro de 2007 levando a cabo en Sada actividades que inclúen obradoiros, charlas e cursos de formación específica que se adaptan ás necesidades dos colectivos sociais do concello para achegalos ás novas tecnoloxías, especialmente os máis desfavorecidos.

Así, organizáronse 68 obradoiros nos que participaron 484 persoas, das cales un 70% foron mulleres. Hai que destacar que a franxa de idade maioritaria foi a de persoas de entre 55 e 64 anos. Os obradoiros máis demandados foron os referidos á iniciación á Internet, á informática e á creación e manexo dunha conta de correo electrónico. A Rede obtivo en Sada un total de 255 persoas rexistradas, das que 157 foron mulleres, segundo informa a propia Rede de Dinamización.

O encontro informático de Mugardos chega á súa 5ª edición a finais de mes


Entre os días 19 e 21 de setembro a Casa da Cultura de Mugardos acollerá o V Ciberencontro Concello de Mugardos, unha xornada orientada especialmente ao Software Libre, aínda que se completa con actividades de xogos, conferencias e mesmo unha laconada.

Esta nova edición supón todo un reto para a organización, que agarda xuntar a 65 participantes (que xa se poden inscribir) e conta co apoio de institucións e empresas (coma o Concello de Mugardos, a Concellaría de Cultura e Mocidade, MYC, Telefónica e Academia Postal).

Coma novidade o encontro contará cun ciclo de cine que se desenvolverá entre os días 19 e 20 ás 22:00 horas. Os torneos de xogos, pola súa banda, comezarán o venres 19 ás 20:30 horas e rematarán no serán do domingo, sendo os xogos nos que se competirá o Pro Evolution Soccer 2008 e o Call of Duty. Para amenizar a xornada do sábado tamén terán un orixinal campionato de lanzamento de hardware.