
No ámbito da 1ª Semana Europea das PEME a Fundación CEER (ente formado polas universidades públicas de Galicia e o norte de Portugal) organiza as xornadas de traballo As 5 W’s da innovación, evento dirixido a empresarios, profesores e alumnos do ensino superior, persoal das Cámaras de Comercio, empresas e asociacións empresariais, axentes de desenvolvemento local e outras persoas interesadas, que contarán coa participación de representantes das oficinas de innovación das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, UTAD, Minho e Porto, para informar do papel das universidades como xeradoras de coñecemento e innovación.
Xornada sobre a innovación en Vilagarcía de Arousa
7/5/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
Tuenti ultima o seu novo deseño

A plataforma de redes sociais española Tuenti, moi popular entre mozos de entre 15 e 25 anos, está a preparar un redeseño, que actualmente está en probas, e do que xa publicaron un par de capturas de pantalla para dar unha impresión das súas novidades, entre as que estaría a posibilidade de cambiar o estado do usuario (coma se fai en Facebook), un novo xeito de carga de contidos e un novo reprodutor de vídeo.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Tuenti
A Disney publicará as súas series de televisión en Hulu

Disney chegou a un acordo para publicar programas de televisión na plataforma Hulu (actualmente o 3º portal de vídeo nos EE.UU., a piques de chegar á 2ª posición), de xeito que tras a fiestra de exclusividade dos contidos na NBC e na Fox, pasarán a poder verse a través da Internet, nunha plataforma que está a trunfar alí onde YouTube fracasa: os contidos profesionais.
Aínda que YouTube supere esaxeradamente a calquera outro portal de vídeo (cun volume de reproducións nos EE.UU. que multiplicaría por 15 o de Hulu), economicamente é unha ruína, pois non consegue capitalizar os seus contidos como para poder pagar os seus gastos de largo de banda (estimados nun millón de dólares/día), mentres que Hulu é capaz de conseguir maiores ingresos por ter un enfoque moito máis tradicional e próximo á televisión, converténdose na plataforma de facto para as series de televisión na web.
A guerra polo vídeo na Internet está lonxe de rematar, pero Hulu demostrou que a posición líder de YouTube non é inamovible, e dende Google deberían tomar nota e reaccionar para evitar que os seus competidores distribúan os contidos profesionais e de calidade, mentres que YouTube queda cos contidos xerados polo usuario, cun atractivo moi inferior.
5/5/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Tecnoloxía
O falso mail de ‘promocións McDonald’s’
Facua-Consumidores en Acción denunciou ante o Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil un novo caso de ‘phishing’ que utiliza á cadea de comida rápida McDonald’s para obter datos bancarios de usuarios de Internet.
A páxina web da cadea en España xa anuncia ós seus usuarios nun comunicado a fraude da que está sendo obxecto.
Segundo explicou Facua, o intento de fraude consiste nunha
mensaxe de correo electrónico que simula ser enviado desde McDonald’s España a través da dirección ‘promociones@mcdonalds.es’, e que invita a encher unha
‘falsa enquisa’ de satisfacción co ingreso de 50 euros como reclamo. Tras encher a enquisa nunha páxina web que utiliza o logotipo da cadea de hamburgueserías, solicítase ó usuario todos os datos do seu cartón de crédito ou débito, incluído o PIN, e indícaselle que tras este procedemento se lle fará unha transferencia co seu agasallo.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Tecnoloxía
Blogaliza está de re-estrea

A plataforma de publicación de blogs en galego muda o seu formato e achega novidades.
Abre o maio con importantes novidades no blogomillo, cuxo máis coñecido punto de encontro, a comunidade de blogs en galego Blogaliza sacou á luz a anunciada nova versión.
Polo momento inclúe novas culturais con actualización diaria, recollendo diversas sementes, entre elas a de Vieiros. Ao tempo, prevén novas seccións irán aparecendo progresivamente, e de momento temos xa á vista a de Letras. Do mesmo xeito, podemos seguir consultando o último do publicado na extensa familia de blogues na nosa lingua.
Blogaliza mantén o compromiso de que os blogs sigan a ser de balde e sen publicidade, agás nas portadas temáticas, que contarán con anuncios para contribuír á viabilidade da plataforma.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Blogs
Un novo buscador revolucionará a rede
A sociedade do inmediato promete selo aínda máis grazas ao "Wolfram Alpha", un poderoso motor de procura de coñecemento cuxa investigación se mantivo en segredo durante anos e que verá a luz da rede a finais de maio. A gran innovación deste programa constitúea a capacidade de resolver preguntas concretas no momento. Así, pode calcular o PIB de calquera país ou a altura dun cumio, resolver ecuacións matemáticas complexas, ou achegar respostas precisas a cuestións científicas, se llo pedimos. As consecuencias son aínda impredecíbeis pero moitos as agoiran tan revolucionarias como as do propio Google.
O proxecto funciona través da linguaxe natural, o que significa que recoñece as interrogacións directas. Implica que o que teremos que facer para saber, por exemplo, canto choverá en Lugo, é preguntarllo directamente. Non porque dispoña dunha gran listaxe de respostas, senón porque é capaz de calculalas a partir dunha serie de bases de datos e de algoritmos.
O seu creador, Stephen Wolfram presentouno no seu blog o 5 de marzo, e tan só dous días máis tarde aparecía unha nota en Twine firmada por Spivack, explicando o proxecto. "A comparación fala por si mesma -escribe-; Google recupera simplemente os documentos baseados en buscas de palabras clave. Google non entende a pregunta ou a resposta, e non computa as respostas baseadas nos modelos de varios campos do coñecemento humano. "Wolfram Alpha" crea para pór ao alcance do usuario coñecemento experto de gran complexidade".
O medo á intelixencia artificial
A sensación de que a intelixencia dos supercomputadores acabará por dominar o planeta ocupa metros de celuloide e toneladas de páxinas de libros na aínda curta historia da informática -a famosa Xogos de Guerra, ambientada nos últimos anos da Guerra fría, co heroe hacker e o profesor salvador, é a responsábel de que moitos hoxe se dediquen á profesión-. "O medo está aí", escribe Spivack, pero "non hai risco de que o "Wolfram Alpha" chegue a asumir o control o mundo".
Porque "Tan intelixente como parece", o "Wolfram Alpha", "non ten un sentido do eu ou as opinións ou as sensacións". Non é intelixencia artificial tal como adoi-tamos entendela; é dicir, non é unha simulación dunha mente humana, senón que se trata dunha calculadora de gran alcance que traballa sobre infinidade de preguntas que teñen respostas (computábeis) inequívocas.
No blog do visionario Spivack aparece o post dun usuario: "Poderá dicirnos cal é o sentido da vida?". Non hai resposta, pero alguén lembra A guía do viaxeiro intergaláctico, aquela comedia de ciencia ficción escrita por Douglas Adams a final dos setenta, en plena avidez de futurismo informático, que incluía a curiosa personaxe de Pensamento Profundo, unha supercomputadora que se definía a si mesma como a segunda mellor do universo. Cando se lle preguntaba cal era a "resposta definitiva", isto é, o sentido do universo e todo o demais, a supercomputadora calculaba que tardaría sete millóns e medio de anos en dar con ela. E finalmente atopábaa: "42". Mais era incomprensíbel para a mente humana.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: No mundo, Tecnoloxía
Symantec prepara a súa cita anual sobre seguridade informática

O vindeiro mércores, día 6 de maio, a firma de protección da información e solucións a ataques de virus en liña Symantec, vai levar a súa tecnoloxía, en vivo e en directo, ata o Círculo de Belas Artes de Madrid, onde terá lugar a súa cita anual con clientes e partners, Symantec Technology Day 2009.
Este evento abordará, nunha soa mañá, un total de seis casos prácticos de problemas reais aos que calquera empresa ou particular podería enfrontarse algún día en el expoñerase a maneira de resolvelos mediante a axuda das solucións de Symantec.
A apertura do evento terá lugar ás 9:30 horas da man do relator Gabriel Martín, Country Manager de Symantec para España e Portugal, para logo, a partir das 10:15 horas, dar comezo o primeiro dos casos prácticos, a Xestión e Optimización do almacenamento de datos.
Outros casos como o Data Loss Prevention, o Correo Electrónico, o Virtualización e o Securización e Xestión do Endpoint, terán lugar ao longo da mañá do mércores, que concluirá co caso práctico 6: Detección e eliminación de malware, no que os asistentes poderán ver en directo, cómo os expertos de seguridade de Symantec realizan unha detección e eliminación de malware apoiándose na infraestructura e o coñecemento de Symantec e a súa Rede de Intelixencia Global (GIN).
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Tecnoloxía
A campaña “O galego medra contigo” habilitará un espazo expositivo dedicado ás novas tecnoloxías, no que o protagonista será o Galinux

Mancomún promoverá o uso do galego nas novas tecnoloxías no marco da campaña “O galego medra contigo”, que arranca este sábado día 2 no Concello da Coruña. Esta actividade, organizada pola Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística en colaboración coa Concellaría de Cultura da Coruña, busca promocionar o uso da lingua galega nos distintos ámbitos socioculturais cunha carpa móbil que percorrerá diferentes barrios da cidade herculina durante o mes de maio e comezos de xuño, con motivo das celebracións do Día das Letras Galegas.
A iniciativa despregará un amplo programa de actividades, onde se mesturarán xogos, música e monicreques para os máis pequenos, con espazos expositivos de materiais en galego procedentes dos campos máis diversos, entre eles, o das novas tecnoloxías.
Esta sección tecnolóxica correrá a cargo de Mancomún, quen achegará todo o seu material promocional do sistema operativo libre e en galego, Galinux, así como uns 1.000 exemplares deste para a súa distribución gratuíta entre os asistentes. Aínda que o Galinux foi escollido neste ocasión como o produto máis adecuado para exemplificar o uso do galego nas novas tecnoloxías, son moitos outros os proxectos que Mancomún está a desenvolver no campo da localización e, concretamente, na promoción do uso galego nun eido como é o da innovación tecnolóxica: Manual de Localización, glosario de termos, coordinación da tradución de diversos aplicativos libres (OpenOffice.org, aplicativos Mozilla...)
Nesta liña, a concelleira de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística e principal promotora das actividades, Ermitas Valencia, explicou que a idea é “conmemorar que temos unha lingua viva, culta e con futuro”, obxectivo para o que a Concellaría configurou un programa dirixido a toda a familia, pero especialmente para os máis pequenos xa que, en palabras da concelleira, “neles tamén está o futuro do noso idioma”.
A primeira das citas da campaña “O galego medra contigo” será o sábado 2 de maio no Campo da Leña do barrio de Monte Alto, onde a xornada arrincará ás 11.00 horas coa animación a cargo de Manicómicos e continuará con xogos para os máis pequenos para rematar a mañá cunha actuación musical "Cancións para Antía". Xa pola tarde ás 17.00 horas continuará a festa coa actuación da compañía de teatro de títeres Falcatrúa coa representación de 'Albízaras'. Ás 18.15 horas nova actuación musical a cargo do grupo Mamá Cabra. Ademais haberá animación á lectura, expositores de material, sorteos...
Todas as actividades serán de balde e non precisan de inscrición previa, polo que os organizadores convidan a calquera persoa a achegarse para participar desta celebración. Por outra banda, entre todos os participantes sortearanse libros e discos en galego.
As diferentes actividades e localizacións da carpa en vindeiras semanas poden consultarse nesta ligazón.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Software Libre
Os problemas técnicos levaron á suspensión do IV Maratón PodcastBlog

A pasada fin de semana pretendía levarse a cabo a cuarta edición dunha maratón de podcasting que tamén se podería seguir en directo a través da Internet durante 50 horas, pero as primeiras retransmisións atopáronse cun número de incidencias tan elevado que facían que as intervencións dos oradores fosen imposibles de seguir (multitude de cortes, faltos da comunicación entre os participantes…) polo que a organización decidiu suspender o evento, pero continuando a subir da súa web os podcasts que seguiron adiante, para que puideran seguirse en diferido.
Segundo parece, os problemas foron consecuencia da falta de recursos, non só humanos, senón tamén técnicos, pois agardaban poder utilizar unha canle de streaming profesional cedida para o evento, pero ao non manterse este compromiso por parte de terceiros, as solucións provisorias que se tomaron non foron capaces de manter no aire os espazos programados durante a fin de semana. Agora abriron unha reflexión sobre se o maratón terá unha nova entrega o ano que vén, aínda que parece que o que farán será reformular o formato para facelo viable, pois está claro que hai moita xente interesada en participar neste tipo de iniciativa, na que as moitas illas que conforman a podcastfera tenden pontes de comunicación.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Novas España
Stallman defendeu en Vigo o valor do software libre como coñecemento á medida do home
Richard Stallman visitou por segunda vez o Auditorio do Centro Social Caixanova para facer unha vez máis de mediador entre nós os usuarios e o xeito de entender a informática que ao seu xuízo máis nos convén: o xeito aberto. A visita do relator a Vigo, que foi en boa medida unha incursión en terreo amigo (tendo en conta que a súa intervención inseriuse dentro das actividades do Máster do Software Libre de Caixanova, e que practicamente a totalidade do auditorio era afín ao código aberto), tivo pouco de técnica e moito de contido ético e social, sendo en boa parte un encontro para iniciar aos non introducidos no software libre nas moitas vantaxes que este ofrece, malia que unha gran porcentaxe dos convocados xa estaban previamente introducida.
Con todo, e tal e como relatan nas súas crónicas os diversos internautas que por alí pasaron (Bandaancha, Agnix, etc) a reunión tivo moito de reforzamento dos obxectivos previamente asumidos polo propio auditorio: levar o software libre tan lonxe como se poida, botando abaixo posibles ideas preconcibidas e erróneas e contribuíndo a que as vantaxes que achega fiquen sempre claras: menor gasto en licenzas, máis opcións para desenvolver unha industria propia, maior marxe de adaptabilidade, etc.
Para Stallman, quen falou perante unha máis que completa audiencia ( Roberto Brenlla, que vén de pendurar un vídeo das despedidas, a cousa andou a rentes do aforo completo, de 500 persoas), cando falamos de software libre non só falamos dunha tendencia da informática, senón que o facemos de algo que nos trata con respecto, a nós e a un dos nosos bens máis prezados, a liberdade. O relator, que a fin de contas tivo tempo de sobra para saber do que fala (na defensa da programación aberta deu 25 anos da súa vida), entende polo tanto que a cuestión do código aberto é tan importante hoxe coma calquera outra cuestión social, ética, política, filosófica ou económica da que se fale nos medios, se cabe aínda máis, por abranguer todos estes eidos e, tamén, a posibilidade de que a balanza da cultura caia do favor de todos os que até o de agora non puideron percibila. A intervención en Vigo do pasado xoves tamén lle serviu a Stallman (quen se expresou en perfecto castelán) para defender o GNU e o libre intercambio de arquivos na Rede (que non é piratería nin roubo nin nada que se pareza, posto que contribúe ao enriquecemento cultural da comunidade).
Asemade, botou dardos contra as patentes de software ou todo aquilo que se interpón entre o usuario das novas tecnoloxías e o acceso libre ao coñecemento que ten ao seu alcance (canon dixital, DRM, etc).
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Charlas, Software Libre

