En maio. A Asociación TADEGa pon en marcha na súa páxina o módulo +Galego, construído en PHP dinámico, accesíbel e destinado en exclusiva á catalogación de materiais e experiencias TIC de uso na atención á diversidade, feitos en galego ou traducidos a esta lingua.
O catálogo de recursos que ofrece TADEGa na súa web dispón dunha ficha completa de cada produto: material, autor, data, instalación, acceso, documentación, web, sistema operativo, ámbito pedagóxico, tipoloxía, estilo, valoración, propósito, etc.
Entre os materiais catalogados poderás atopar ferramentas, aplicacións ou programas como Ardora; Atnag; Aula Bardos; Aumentativa; Caderno de mates; Calculadora EDI; Cálculo Mental; Calcwav, TocaToca e Facil; Clic e JClic; Drawing for children; Fórmula 20; GaliClic; Galogo; Hot Potatoes; Lim; Lim en NoteBook; Logga; Mapas; Squeak; Xogamos?; Hiparcos...
+Galego con TADEGa
7/5/08 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Novas Galiza, Tecnoloxía
Convocado un concurso para webs con dominio .es
Con motivo do Día de Internet, que terá lugar o vindeiro día 17 de maio, a entidade Red.es, dependente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, está a preparar (como vén sendo habitual nos últimos anos) diferentes actividades para conmemorar a chegada da Rede de Redes ás nosas vidas, entre as que cabe destacar a convocatoria dun concurso para webs con dominio .es que inclúan artigos sobre a temática: Como as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) me axudaron a integrarme na sociedade; como melloraron a miña calidade de vida.
Nel poderán participar tódalas páxinas con dominio .es tales como webs, blogs, miniblogs, fotoblogs, videoblogs, wikis ou calquera outro formato que estean enfocadas a algún dos tres colectivos aos que se dirixe o devandito concurso: maiores de 65 anos, inmigrantes e persoas discapacitadas.
O prazo para o envío das propostas remata o vindeiro día 12 de maio e os correos electrónicos dispoñibles para tal efecto son os seguintes:
- ddi08mayores@red.es (para artigos sobre maiores)
- ddi08inmigrantes@red.es (para os que versan sobre inmigrantes)
- ddi08discapacitados@red.es (para artigos enfocados ás persoas con discapacidade).
O nome dos premiados darase a coñecer o día 13 de maio na sede da Casa de América en Madrid, o lugar escollido por Red.es para centralizar os actos previos ó Día de Internet.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Obradoiros e cursos
Curso de fotografía dixital por Internet para as forzas de seguridade
A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) vén de anunciar que entre os días 26 de maio e 17 de xuño do presente ano impartirá un curso sobre fotografía dixital a través da Rede dirixido ao persoal das forzas e corpos de seguridade en xeral, “tendo preferencia os membros dos corpos de policía local e autonómica”.
O obxectivo deste curso é dotar ás forzas de seguridade dos coñecementos fundamentais para levar a cabo as tarefas máis importantes no eido da fotografía dixital aplicada á función policial, “especialmente aos atestados por accidentes de tráfico”.
Deste xeito o contido do curso divídese en tres módulos: un sobre fotografía, outro policial e un terceiro de edición fotográfica, logo dos cales haberá unha proba presencial final consistente nun exame tipo test con tempo limitado e a resolución dun caso práctico a presentar por escrito e en soporte informático.
Para a realización deste curso é importante que os asistentes posúan unha serie de coñecementos técnicos mínimos para empregar con soltura os equipos informáticos e as cámaras fotográficas. Asemade, é preciso que conten con ordenador propio cun navegador web instalado e conexión a Internet, así como cunha cámara fotográfica con funcións automáticas e manuais que permita diversos xeitos de exposición, balance e compensación da exposición.
A actividade, que conta con 50 prazas, é de balde e o prazo de presentación das solicitudes remata o vindeiro 19 de maio.
Os alumnos que superen os tests dos tres módulos e os casos prácticos recibirán un certificado de participación; aqueles que ademais superen a proba presencial final recibirán o de aproveitamento.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Obradoiros e cursos
A revolución das radiocomunicacións, a debate na Coruña

O vindeiro xoves día 8 de maio, terá lugar no Club Financeiro Atlántico da Coruña a xornada técnica A revolución das radiocomunicacións: a radio dixital, organizada por ITC Grupo para analizar as aplicacións e o futuro desta canle de comunicación en Galicia.
O principal obxectivo deste evento será darlles a coñecer aos profesionais interesados a nova tecnoloxía DMR, que en España apenas se coñece, e que está indicada especialmente para usuarios profesionais xa que“supera ós demais sistemas empregados ata o momento”.
A xornada técnica será inaugurada ás 10:15 horas por Xoán Antón Pérez Lema, secretario xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia e contará coa asistencia de Ignacio Salcedo, director de Comunicación de Motorola España, que conta “cunha gran participación no temario proposto”.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
A Disney entrará no mundo da robótica con Wall·E

Robot coa aparencia de Wall·EDisney e Pixar procurarán repetir o éxito de Buscando a Nemo coa película Wall·E, protagonizada por un robot de limpeza moi simpático que servirá como entrada para Disney no mundo da robótica, pois comercializarán unha réplica do personaxe cinematográfico que se coñecerá coma Ultimate Wall·E e que se venderá por 189,99 dólares a partir deste verán (cando se estreará o filme).
O robot terá no seu interior 10 motores, o que lle permitirán unha enorme multitude de movementos. Poderase controlar remotamente e tamén poderá programarse o seu comportamento para que esquive obstáculos ou emita sons (conta con sensores infravermellos, de son e táctiles).
Wall·E tamén inspirou uns altofalantes bailarínsPero as persoas que gusten deste personaxe e non se poidan permitir mercar este orixinal robot caseiro, poderán conformarse co iDance Wall·E, que son uns altofalantes para reprodutores de MP3 que teñen a aparencia do robot de Pixar, pero se venderán só a 24,99 dólares e bailarán ao ritmo da música que se reproduza a través dos mesmos.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: No mundo
Veiguela dá conta das cen accións programadas para conmemorar as Letras e o Día de Internet
Para máis información pincha aquí.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Novas Galiza, Tecnoloxía
A sexta Xornada Académico-Empresarial reúne en Compostela a empresarios TIC

Os vindeiros días 8 e 9 de maio vai ter lugar en Santiago de Compostela a VI Xornada Académico-Empresarial A perspectiva financeira e o seu enfoque a longo prazo, na que participarán, entre outros, o conselleiro delegado de Blu:sens, Xosé Ramón García e o director financeiro de Schindler, Javier Catalina, quen falará sobre a innovación e a excelencia na xestión da súa empresa.
Os distintos relatorios que terán lugar nesta xornada son, entre outros, A xestión financeira corporativa como elemento estratéxico diferenciador, A integración entre o Cadro de mando e o enfoque por procesos, O impacto na Xestión do capital humano na Estratexia e A RSC como factor de competitividade e diferenciación da Estratexia, que será tratado polo vicepresidente Information Builders, José María García-Soto.
As xornadas serán clausuradas pola directora xeral de APD Noroeste, Loreto Sanmartín Gómez, o presidente da VI Xornada de Balanced Scorecard, Alfonso López Viñegla e polo conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, Xosé Ramón Fernández Antonio.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Xornadas
A festa das Letras incluirá a presentación do proxecto do Dicionario Enciclopédico das TIC

Un dos puntos máis salientables do programa Galiza, Terra de Navegantes coordinado pola Consellería de Innovación (co obxectivo de conmemorar as nosas Letras e o uso da Rede) é a presentación do proxecto do Dicionario Enciclopédico das TIC, unha obra que está hoxe en día en proceso de desenvolvemento e que vai representar un gran paso no eido da normalización tecnolóxica en Galiza e (por suposto) na normalización do galego no tecnolóxico. De feito, case se podería dicir que co Dicionario Enciclopédico das TIC materializarase en boa medida aquilo no que se apoian a nosa cultura e as novas canles, amais de constituírse coma unha arma nunha guerra sen guerra: a da loita contra a fenda dixital.
A presentación será o 13 de maio, ás 13:00 horas, no Hotel Porta do Camiño.
O caso é que do proxecto, que abranguerá entre catro e cinco mil termos, xa temos falado noutras ocasións: en parte para afondar no que foi preciso investir (máis de dous anos de traballo e esforzos e 167.000 euros) e en parte para anunciar o seu posible remate non definitivo no prazo dun ano (e dicimos o de “non definitivo” porque unha obra así debe ficar sempre aberta a actualizacións, máis que outras de índole menos tecnolóxica e, polo tanto, menos cambiante).
No traballo están a participar moitas mans. Por unha banda cóntase coa concorrencia da Xunta a través da Consellería de Innovación, e tamén da COETG e a AETG, o Colexio e máis a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia. Ademais, están a traballar arreo na iniciativa até quince investigadores da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Telecomunicacións de Vigo. O proxecto está dirixido polo profesor José María Pousada, quen salientou hai ben pouco a necesidade de contar cunha obra coma esta, rexistro de referencia sobre o vocabulario TIC do que podamos botar man sempre que teñamos unha dúbida sobre normativa ou sobre o significado dun termo concreto.
En definitiva, que o volume ben podería ser algo así coma un manual para internautas e actuar como un axente de normalización das novas tecnoloxías na nosa terra, superado un dos atrancos principais: a sobrepresenza do inglés.
O proxecto, promovido polo Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación en colaboración coa Universidade de Vigo, a Consellería de Innovación e a Real Academia Galega (achegando labor de supervisión lingüística), reunirá preto de cinco mil termos de libre e total acceso para a sociedade galega.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Novas Galiza, Tecnoloxía
Ordes convoca unha charla sobre a Situación actual do galego en Internet
O Centro Comarcal de Ordes, en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información ten programado, para o vindeiro día 15 de maio, unha charla sobre a Situación actual do galego en Internet, que terá lugar, precisamente, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas e o Día de Internet (17 de maio).
A charla, que se levará a cabo no Centro Comarcal de Ordes, contará coa participación de Camilo Regueiro López (Vicepresidente da Asociación PuntoGal), Carlos G. Meixide (Autor de O home inédito), Ramón Vilar Landeira (Director de Vieiros) e Victor Fresco Barbeito (Editor da Galipedia).
Con esta iniciativa, a Rede de Dinamización da Sociedade da Información pretende concienciar aos participantes no emprego do galego aplicado ás novas tecnoloxías, dar a coñecer a realidade da nosa lingua na Rede e potenciar a súa presenza na mesma.
O acto terá lugar no Centro Comarcal de Ordes entre as cinco e as sete da tarde.
Os interesados poden atopar máis información na web da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, un organismo que conta con 100 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega que desenvolven actividades de alfabetización dixital dirixidas a distintos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Iniciativa
Unha recomendación de cine XIV
Lars y una chica de verdad
Lars é un mozo que vive nunha pequena vila da América profunda. Lars é extremadamente tímido, un inadaptado, tenlle medo a xente e apenas se relaciona coa humanidade. Pero un día Lars dille o seu irmán Gus que coñeceu a unha rapaza, Bianca, e decille presentarlla. Bianca non é unha muller, é unha boneca de grande realismo. Lars a saca a pasear, va o cine con ela, fálalle. A xente da vila pouco a pouco acostúmase a esta situación. Xa que Lars vese moi feliz, incluso empezou a tratar con outras persoas da man da sua moza Bianca.
2/5/08 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Unha recomendación de cine

