Vacacións

Ata o vindeiro 4 de setembro a Dinamizadora da Sociedade da Información do Centro Comarcal de Ordes estará de vacacións.

O gañador


Hoxe no salón de plenos do concello de Ordes, Pedro Regueira recibíu o premio por ser o gañador do I Concurso de Blogues.

Pedro recibíu o seu premio de máns de Ana Mª Álvarez Pérez, concelleira de Servicios Sociais e Terceira Idade e de Roberto González Santos, concelleiro de Urbanismo e Obras.

Felicidades Pedro!!!

Obradoiros para o mes de setembro


Os obradoiros que se levarán a cabo durante o mes de setembro son os seguintes. O prazo de inscrición ábrese hoxe día 31 de xullo e ata cubrir prazas.

Iniciación á Informática
Duración:12 horas
Data inicio: 08/09/2008 - Data fin: 17/09/2008
Horario: 10:00-11:30

Debuxo por Ordenador
Duración:3:30 horas
Data inicio: 18/09/2008 - Data fin: 19/09/2008
Horario: 10:00-11:45

Prensa en Internet
Duración:3 horas
Data inicio: 08/09/2008 - Data fin: 09/09/2008
Horario: 12:00-13:30

Exercitar a Memoria en Internet
Duración:6 horas
Data inicio: 15/09/2008 - Data fin: 18/09/2008
Horario: 12:00-13:30

Mecanografía
Duración:10 horas
Data inicio: 22/09/2008 - Data fin: 26/09/2008
Horario: 10:00-12:30

Para apuntarse poñerse en contacto co Centro Comarcal de Ordes.
Enderezo: Estrada Nacional-550 Km. 37 (As Casillas)
Código Postal: 15680
Poboación: Ordes
Provincia: A Coruña
Teléfono: 981 688 386

Mojave, ou como Microsoft asegura que o Vista non é tan malo como cremos

Microsoft puxo en marcha unha especie de experimento entre 120 persoas para demostrar que Windows Vista non é tan defectuoso como a xente cre. Segundo a experiencia, eses individuos, reunidos en San Francisco, xa tiveran contacto con outros sistemas operativos e versións anteriores de Windows.

Os resultados do experimento, con nome clave Mojave, foron sorprendentes. As persoas que se someteron á proba partían cunha idea non moi positiva do Vista: déronlle unha nota media de 4,4 sobre 10.

Despois, eran convidados a probar o Vista, pero sen sabelo. Dicíaselles que ían usar unha nova versión de Windows denominada Mojave. Ao remate do experimento, valoraron ese sistema operativo descoñecido cun 8,5.

Microsoft ofrece os vídeos cos comentarios dos participantes na proba nunha web, aínda que a empresa presidida por Steve Ballmer nega que se trate dunha campaña publicitaria.

Nace unha rede social segura para a infancia


Actualmente, diversos estudos confirman que preto do 50 por cento dos nenos e nenas do noso país comunícase por Internet a través de redes sociais e chats e o 20 por cento dos mesmos fano a diario sen a supervisión dalgún adulto e as máis das veces con descoñecidos. A este respecto, as cifras indican que tan só o 9 por cento dos fogares conta con algún programa de control parental no ordenadores domésticos, polo que Internet pode considerarse como unha ferramenta perigosa e de risco para os cativos se non se ten conta de que naveguen por sitios seguros e de confianza para eles.

É por isto que a empresa K-ID Internet for Kids S.L (experta en solucións de seguridade infantil en internet) vén de lanzar a súa primeira iniciativa, a web MyFamilypedia, coa que pretende “previr a violencia e educar á infancia para a seguridade na Rede”.

Trátase dunha nova rede social baseada na nova xeración de Internet web 2.0, onde as familias poden compartir información entre os seus membros e con amigos e amigas do mesmo espazo de xeito seguro.

A idea básica é “compartir e recomendar webs” dedicadas a nenos e nenas de xeito que entre tódolos membros logren atopar sitios seguros e atractivos para os máis cativos.

Para ser usuario de MyFamilypedia hai dúas opcións: o rexistro de identificación tra-lo pago dunha cota anual de 30 euros coa tarxeta bancaria, para que o usuario estea identificado de xeito seguro para o resto de usuarios do portal ou totalmente de balde mediante o rexistro previo.

A primeira das modalidades permite que os seus usuarios naveguen con total seguridade en todo o sitio xa que está avalado pola súa total identificación; coñécese como Estado verde.

A segunda modalidade ten o espazo limitado a 500 Mb para compartir información e os usuarios non poderán participar na rede social de nenos e nenas ó non estar avalados por ningunha identificación; é o que se coñece como estado vermello.

O site para a infancia, Chicos Cool, é unha rede social na que os cativos da casa poden estar en contacto cos seus amigos e facer outros novos, sempre baixo a supervisión dos seus proxenitores e de xeito totalmente seguro.

A cidadanía acha importante a formación TIC para o futuro profesional

O Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) fai unha análise do Diagnóstico á poboación sobre a sociedade da información. Segundo os seus datos, o 7% da poboación asistiu no último ano a actividades formativas sobre TIC, o que sitúa Galiza a 3 puntos da media estatal.

Case a metade das galegas e galegos cre que o seu grao de familiarización coas TIC é baixo ou moi baixo, unha cuarta parte que é "suficiente" e un de cada cinco que é "alto" ou "moi alto". As persoas enquisadas de máis idade son as que se amosan menos convencidas da súa destreza coas novas tecnoloxías: só un 1,9% das persoas de 65 a 74 anos amosa un nivel "alto" ou "moi alto", fronte ao 39,7% da xente máis nova.

A cidadanía tamén percibe a influencia do manexo das TIC no desenvolvemento persoal e profesional. Perto do 40% do conxunto do país cre que vai influír "moito" ou "bastante". A medida que diminúe a idade e aumenta o nivel educativo dos individuos, increméntase a súa percepción do grao de influencia.

Na enquisa do OGSI tamén se analiza o uso que se fai do computador. O 8% da poboación afirma usar os equipos informáticos para tarefas escolares ou estudo. Un 57% desa cidadanía emprega o ordenador cando menos semanalmente.

O Windows Messenger ábrese camiño entre as persoas maiores


Microsoft, coa axuda da Universidade de Pittsburgh, vén de presentar unha serie de datos sobre o emprego que se lle dá á súa ferramenta Windows Live Messenger no eido dos países europeos e en función da idade do usuario. Segundo se apunta no informe e, en contra do que se podería agardar (temos se cadra interiorizadas certas ligazóns de conceptos, como “Rede+mocidade”), en países como España non para de medrar a aceptación do dito servizo de mensaxeiría entre persoas de idade. De feito, o país (onde hai 13 millóns de internautas que o teñen habilitado no computador) vense de situar á cabeza de Europa no que se refire ao afianzamento da ferramenta nos colectivos de usuarios de máis de 45 anos, situándose no 30% a porcentaxe de persoas que a empregan durante máis de tres horas, varios puntos por riba dos índices de Alemaña, Italia ou Francia.

O estudo de Microsoft, realizado sobre unha base de nove países europeos e de 10.000 usuarios, salienta tamén unha serie de datos positivos (para os usuarios de Live Messenger e, tamén, a fin de contas, para a propia multinacional) sobre a influenza do servizo de mensaxeiría instantánea á hora de paliar un dos moitos desfases dixitais aos que se enfronta a Sociedade da Información: o que sitúa aos mozos en posicións de privilexio con respecto aos maiores. “Unha das moitas conclusións do informe”, sinálase, “é que o Windows Live Messenger ten contribuído a construír pontes e paliar as distancias entre xeracións, distancias creadas moitas veces polo propio uso que os mozos fan da tecnoloxía fronte aos adultos”. Sobre esta contribución ao entendemento interxeracional arredor da Rede e máis polo miúdo ao entendemento no propio ambiente familiar, Microsoft ten un dato concreto: o 88% dos enquisados afirma que Windows Live Messenger axuda a manter conectadas ás familias. Asemade, proséguese, case un terzo dos pais e dous terzos dos avós empregan a mensaxeiría instantánea para parolar sobre novas, lercheos e as súas vidas amorosas.

O Valedor do Pobo renova a súa web


O Valedor do Pobo estrea páxina web coincidindo co primeiro aniversario da súa toma de posesión do seu actual titular, Benigno López. A renovada páxina web presenta tanto información institucional coma contidos multimedia, pois inclúe unha fonoteca e unha videoteca cun resumo das principais comparecencias do Valedor no Parlamento ou ante os medios de comunicación.

Tamén é posible presentar queixas a través da propia páxina web, así como descargar un boletín mensual informativo (en formato PDF) ou consultar os informes e as publicacións realizadas por iniciativa do Valedor do Pobo.

Os usuarios rexistrados poden acceder a unha zona privada na que os reclamantes poden avaliar a calidade da atención recibida por parte da institución e agardan que no futuro (grazas ao DNI electrónico) se permite o seguimento da tramitación de expedientes.

A nova web fai uso da nova imaxe corporativa do Valedor, e cumpre cos estándares internacionais ao incluír contidos web accesibles (nivel AA) para persoas con discapacidade. Os contidos tamén están accesibles en español e galego.

O novo buscador Cuil enfróntase á súa propia orixinalidade


Unha das grandes novidades dos últimos días na internet é o lanzamento dun novo buscador. Cuil (pronunciado en inglés como 'cool'), aspira a desafiar o case monopolio de Google, empresa da que proceden os seus tres creadores. E está a dar moito que falar.

Cuil ofrece unha interface de atractivo deseño e presenta servizos innovadores, como imaxes que acompañan cada un dos resultados da busca. Porén, despois dos primeiros días de proba, xa están a xurdir moitas críticas cara ao buscador. As súas respostas son, moitas veces, case inexplicábeis e non teñen que ver co que se pensaba atopar, ou, cando menos, non coinciden cos resultados dos buscadores tradicionais.

Ademais, as imaxes adoitan ter escasa ou nula relación co contido que acompañan. De feito, xa houbo quen protestou polo feito de que o seu nome aparecese acompañado de imaxes pornográficas nos resultados das buscas.

En calquera caso, Cuil terá que ir solucionando estes problemas, aínda que explicitamente non estea en fase beta. Os seus creadores aseguran que o servizo buscan entre tres veces máis páxinas ca Google e dez veces máis ca Microsoft, e que clasifica as webs polo seu contido e relevancia, sen recoller datos dos usuarios. Ademais, Cuil é unha palabra irlandesa que significa "coñecemento".

Sei cal é o teu sexo (e que webs visitaches)


Unha web adiviña, con só premer un botón, cal é o noso xénero. O que nun principio podería parecer un experimento ou un truco agocha algo moito máis grave: o fácil que é acceder dende unha páxina da internet ao historial do noso navegador con só usar unhas liñas de javascript.

Segundo informa The Register, O blog Mike on Ads inclúe unha ferramenta que fai esa predición cunha peza de código que captura os enderezos do historial do navegador e valora, cunha serie de puntuacións para cada web, se o usuario é home ou muller.

Aínda que existen extensións para desactivar o javascript, en xeral, os desenvolvedores de navegadores, tanto o Explorer como o Firefox, ou calquera outro, rexeitan solucionar este problema de privacidade, pois permítelles aos usuarios acceder con máis facilidade ás webs que xa visitaron.

O autor do programa explica que é posíbel que moitas webs xa fagan uso de ferramentas semellantes á hora de adiviñar datos sobre os seus visitantes e ofrecerlles publicidade. E iso se non comezan a cruzar datos como o seu enderezo IP, a súa posición xeográfica, o navegador que empregan...