Unha recomendación de cine

Déjame entrar

Nacionalidad: Suecia

Año: 2008

Director: Tomas Alfredson

Guion: John Ajvide Lindqvist

Reparto: Kare Hedebrant, Lina Leandersson, Per Ragnar, Henrik Dahl, Karin Bergquist, Peter Carlberg, Ika Nord

Oscar ten 12 anos e sufre o acoso dos compañeiros de clase. O seu desexo e ter un amigo, cousa que se converte en realidade cando coñece a Eli, unha rapaza que mudouse recentemente ao vecindario. Eli é bastante misteriosa, seria, está muy pálida, só sae de noite e o frío non lle afecta. Unha serie de desaparicións e asesinatos inexplicables coinciden coa chegada da rapaza.

O Concello de Ourense implantará novos servizos electrónicos na súa web

O Concello de Ourense implantará no seu portal web un servizo de navegación interactiva, informatizará os plenos e facilitará a licitación electrónica de contratacións públicas. A iniciativa forma parte do Plan Avanza 2.

A iniciativa foi aprobada pola Xunta de Goberno local e enmárcase no Plan Avanza 2 de desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, a cuxa subvención optará o consistorio ourensán.

A actuación pretende "seguir avanzando na modernización tecnolóxica", mellorando o nivel de vida da cidadanía. A creación de riqueza e a "transformación da sociedade" son outros dos obxectivos do executivo. O proxecto 'Novas aplicacións de Administración electrónica, plataforma multicanal e multicomunicación' prevé implantar un amplo conxunto de servizos telemáticos.

Entre eles, destaca a implantación dunha plataforma segura "contra a falsificación de documentos" municipais, e un cadro de mandos integral de "medición, supervisión e xestión" sa dúa actividade. Tamén se prevé implantar unha aplicación interactiva"para despacho de asuntos en pleno", co que se axilizará a tramitación dos expedientes, ademais dunha plataforma multicanal de acceso cidadán.

Ademais, permitirase a contratación electrónica de procesos públicos, integrando os sistemas de información con outro de licitación electrónica e unha web dirixida aos licitadores, garantindo a seguridade e a confidencialidade dos datos.

Personas permite mudar a aparencia de Firefox


Getting Started with Personas from Mozilla Labs on Vimeo.

Dende os laboratorios de Mozilla desenvolveron un engadido para Firefox que permite a instalación de peles (skins) para mellorar a personalización da aplicación dun xeito paralelo aos temas do navegador (que non se alteran) e permitindo incluso un cambio dinámico de aparencia, de xeito que os deseños que se amosan na interface do Firefox poden cambiarse en calquera momento sen precisar reiniciar o programa, servindo así para reflectir o noso estado de ánimo ou encaixando coas nosas inquedanzas a cada momento.

Esta nova posibilidade do Firefox responde ao nome de Personas, e aínda que non é unha funcionalidade revolucionara (distintas barras de navegador xa deixaban facer o propio incluso no Internet Explorer), é tan doada de instalar e usar que cambiar a aparencia do Firefox coma quen cambia de roupa podería converterse en toda unha tendencia.

Personas xa conta cunha boa colección de peles, pero é de agardar que o seu número medre de xeito importante nos vindeiros días, xa que distintas páxinas web poderán publicar os seus propios deseños, o que tamén poderán facer afeccionados a series de televisión, películas, cantantes… podendo logo compartir co resto do mundo as súas creacións, servindo o navegador coma lenzo para os artistas.

Industria difundirá un selo Software 100% legal como certificado de calidade dos programas


O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, vén de presentar hoxe a segunda edición da Campaña de Software Legal, enmarcada no Plan Avanza2 e destinada a evitar o uso de programas piratas entre os usuarios e usuarias de novas tecnoloxías no noso país.

O acto contou coa presenza, do secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, e do subdirector xeral de Servizos da Sociedade da Información, Salvador Soriano, entre outras personalidades representantes de organismos en relación coa campaña, como BSA España, AETIC ou CENATIC, que estiveron presentes como colaboradores e impulsores.

Os responsables desta acción destacan que, dende o lanzamento da primeira campaña de software legal en 2007, “o índice da piratería do software en España descendeu en tres puntos”, segundo indica un estudo de IDC patrocinado por BSA, co que, aseguran, “conseguiron igualar os niveis mínimos históricos en España para situala máis cerca da media da Unión Europea e dos países máis avanzados no emprego das TIC”.

A fin de reforzar esta tendencia de mellora, esta primeira campaña vén de ser renovada agora para ter continuidade cunha segunda de promoción da comercialización do software legal, á que se destinarán do redor de 250.000 euros.

Con esta nova edición, o Mityc vai potenciar aspectos da campaña anterior e engadir novidades, entre as que destaca a creación dun portal web que aglutine toda a información relevante para o negocio do software en España e que sirva como ferramenta de utilidade para os profesionais do sector.

Outro dos aspectos que se destacou no acto de presentación da campaña, foi o anuncio de difundir o selo Software 100% legal, como certificado de calidade, confianza e compromiso con este tipo de aplicacións, entre distintos distribuidores e fabricantes e, asemade, a adhesión dos distribuidores de software a un decálogo de boas prácticas que constitúe “un compromiso co software legal” e “un axeitado progreso da Sociedade da Información en España”.

Mancomún compartirá expositor no Xuventude Galiza Net con outros axentes galegos da comunidade do software libre

A Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, da man do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, disporá dun espazo propio na zona de acceso libre do Xuventude Galiza Net para dar a coñecer o seu traballo e as vantaxes do software libre todas as persoas que se acheguen á maratón informática.

Tanto o expositor da Dirección Xeral coma o dos axentes (principalmente Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre) terán como obxectivo fornecer un espazo que facilite a loxística interna; que permita a difusión de todas as actividades/materiais que se están a facer no eido do software libre; pero, e o que é máis importante, que dea visibilidade ao apoio institucional ao software libre a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza.

O Galinux terá unha especial importancia no evento, onde repartiranse máis de 6.000 copias do sistema operativo aberto en galego, así como outro material promocional asociado, aínda que o máis visible será unha reprodución xigante (de 2,5 metros de alto) de AraOS, o pingüín que serve de mascota do Galinux.

Superáronse as expectativas do Plan da Sociedade da Información


A Consellaría de Innovación e Industria publicou o informe de seguimento do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información 2007-2010). No documento, que analiza as accións desenvolvidas dende a posta en marcha do plan, o 30 de marzo de 2007, contabilízanse 487 medidas no ano 2008 fronte a 279 do ano anterior. Todas elas encádranse nalgunha das oito estratexias operativas plasmadas no documento.

Por áreas, as medidas máis numerosas foron as referidas á prestación de servizos públicos de calidade, que supuxeron case un terzo do total, seguidas das relacionadas co desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información (16%), contidos e servizos (15%) e inclusión e sustentabilidade (13%).

As accións foron postas en marcha por unha ou varias consellerías para acadar un obxectivo determinado e, maioritariamente, con carácter plurianual. Ademais, o informe salienta que no ano 2008 o orzamento dedicado pola Xunta á Sociedade da Información foi de case 185 millóns de euros, un 13% máis do que estimaba o PEGSI para ese ciclo.

Outro dos indicadores que superaron as expectativas do Plano Estratéxico foi o investimento total. Chegado o ecuador do cuatrienio, xa se superou a metade do orzamento previsto para todo o período, con máis de 350 millóns de euros. Ademais, no ano 2008 medraron especialmente as estratexias operativas de aplicación das TIC polo tecido empresarial, de infraestruturas para a Sociedade da Información, de contidos e servizos e de servizos públicos de calidade.

No outro extremo, o orzamento destinado nos últimos dous anos no desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información foi lixeiramente menor ao previsto, mentres que o destinado a desenvolver instrumentos de xestión de políticas públicas de Sociedade da Información foi considerabelmente inferior.

Como principais fitos do segundo período de seguimento, o informe salienta o avance das infraestruturas de telecomunicacións, polo avance significativo con respecto a anos anteriores no despregamento dos servizos esenciais de banda larga e de televisión dixital terrestre (TDT), entre as que cabe resaltar a implantación de infraestruturas de acceso á banda larga en 32 polígonos industriais.

Tamén melloraron os datos das empresas de máis de 10 persoas empregadas, que converxeron en 2008 coas do Estado Español en equipamento de ordenadores e superan a media en comercio electrónico. Para potenciar o uso das novas tecnoloxías nas microempresas, a Xunta impulsou, entre outras medidas, unha liña de axudas para autónomos para mercar ordenadores, dotada con 1,66 millóns de euros.

Microsoft xubila a Enciclopedia Encarta


Os días da Enciclopedia Encarta e os seus servizos asociados están a chegar á súa fin, en boa medida polo éxito doutros servizos en liña como a Wikipedia, e así, en xuño deixará de venderse a aplicación Microsoft Student con Encarta Premium e o 31 de outubro cesarán tamén a súa actividade vía web (agás no Xapón, onde a web continuará ata finais de ano).

O servizo MSN Explorer continuará a operar, pero deixará de contar cos contidos de Encarta nas súas páxinas web a partir do outono, o que parece a crónica dunha morte anunciada, pois hai tempo que a Encarta perdeu a visibilidade que tiña hai anos.

Antes da popularización da Internet era unha das grandes estrelas de Microsoft no mercado doméstico, pero incluso a súa aproximación á web coma complemento non chegou para potenciar este produto que non pode competir con solucións semellantes de balde.

O certificado Celga 1 poderase obter mediante un curso en liña


O primeiro nivel do Certificado de Lingua Galega, o Celga 1, poderase obter mediante un curso a través da internet. A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación, Ineo, presentaron o novo sistema.
Celga

O presidente de Ineo, Jorge Cebreiros, fíxolle entrega á secretaria xeral en funcións de Política Lingüística, Marisol López, do traballo, realizado durante os últimos meses. O servizo poñerase ao dispor do público despois da demanda detectada desta modalidade de ensino.

O curso está deseñado para completarse en 30 horas de aprendizaxe en liña, e pretende achegar os coñecementos básicos de lingua dun xeito ameno e atractivo. Está distribuído en 10 unidades de tres bloques cada unha. Inclúe formatos clásicos como preguntas pechadas, unir parellas ou encher ocos, e tamén imaxes animadas, textos e locucións en todas as pantallas, coa opción de gravar a voz do alumnado. A avaliación efectúase mediante tests.

As persoas que participen neste curso contarán coa supervisión dun titor e cun menú de uso persoal con acceso ao correo interno da plataforma para comunicarse coa persoa responsábel da titoría. En principio, poderán participar no curso 500 persoas simultaneamente, cando se realice a convocatoria oficial e conclúa o proceso de selección do alumnado.

A AGE oferta varios cursos de formación en liña para traballadores das Artes Gráficas

A consultora de formación Femxa, que nos últimos sete anos de actividade formou a máis de 130.000 alumnos e xestionou plans formativos en ata 29 sectores diferentes, vén de anunciar, desta volta, a oferta de varios cursos en liña para traballadores das artes gráficas totalmente financiados pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.

Esta oferta formativa, chegada da man de AGE, a Asociación Galega de Editores, pon a disposición dos traballadores do sector, Editoriais, Artes Gráficas e Publicidade de Galicia, un total de catro cursos que se impartirán de balde a partir de finais de abril.

Os cursos, que se desenvolverán a través de Internet, tan só poderán ser realizados por traballadores e traballadoras en activo que estean dentro do réxime xeral ou coticen como autónomos, e estarán dispoñibles as 24 horas do día na Rede.

Asemade, deberán dispoñer dunha conexión a Internet (cable, ADSL, RDSI) e posuir uns coñecementos básicos sobre o manexo de equipos informáticos e sistemas operativos.
Os cursos ofertados para Galicia nesta ocasión son os seguintes: Inglés xeral básico (135 horas), Inglés xeral intermediario (135 horas), Introdución ao deseño de páxinas web (112 horas) e Photoshop (152 horas).

Para poder participar nesta actividade, os interesados deberán enviar unha fotocopia do DNI, da tarxeta sanitaria e do encabezamento da última nómina ou recibo de autónomos (no caso de que proceda) ao Grupo Femxa, xunto coa ficha de inscrición e o número de teléfono móbil para facilitar o contacto.

A documentación pode ser remitida por fax ao 986 494 120 (á atención de Candela Touceda) ou ben por correo electrónico.

As prazas son limitadas e serán adxudicadas por orde de recepción das solicitudes.

Televés crea un blog dedicado á medición de sinais de radio e televisión


O rincón da medición é o nome que a compañía de telecomunicacións Televés lle puxo (moi acertadamente) ao seu novo blog, un espazo creado para aproveitar ao máximo as oportunidades que brindan as novas tecnoloxías e ao que os internautas poden acceder directamente dende a súa web oficial para informarse, de xeito ameno e directo, dos temas e cuestión técnicas máis actuais do mundo das medicións de sinais de radio-televisión.

Televés pretende, con esta iniciativa, “estar cada día máis preto dos seus clientes” e poder así “responder ás súas preferencias e necesidades”; por iso, o blog permite que estes teñan ocasión de participar con comentarios, cuestións ou datos adicionais nos temas de debate e propostas que o equipo encargado vaia suxerindo cada certo tempo no espazo común.

Segundo vén de indicar Sergio Martín, responsable de Comunicación de Televés Corporación, o obxectivo deste “rincón” é, achegarlle aos técnicos e especialistas as novidades do produto e de funcionalidade dos medidores de campo de Televés, “da maneira máis obxectiva posible e sempre coa intención de aportar valor real ao seu traballo”.

A ferramenta, que se puxo en marcha en castelán, vai funcionar tamén noutros idiomas, debido, sobre todo, “á forte internacionalización de Televés”, que está presente en máis de 80 países.

Porén o blog non é a única iniciativa que esta entidade leva a cabo para achegarlle a tecnoloxía aos seus clientes, senón que forma parte dun conxunto de medidas destinadas a empregar todas as ferramentas que ofrecen as novas canles de comunicación en torno a Internet e ás redes sociais.